A Xunta axuda con preto de 570.000 euros a 13 novas cooperativas e sociedades laborais da área territorial de Pontevedra

Reguera felicitou aos emprendedores que con esforzo e arriscando o seu patrimonio fan crecer Galicia

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o novo autobús da empresa Touristimes, que foi adquirido, en parte, grazas á axuda de 53.000 euros do programa Es-Transforma da Xunta.

Trátase dunhas axudas para a transformación en cooperativas ou sociedades laborais dos negocios sen remuda xeracional nas que a Xunta inviste este ano máis de 2,3 millóns de euros. No caso da área territorial de Pontevedra, ata 13 empresas se beneficiaron desta liña de axudas, por un valor total de preto de 570.000 euros.

As entidades beneficiarias reciben axudas co obxecto de axilizar e facilitar o financiamento dos proxectos deste modelo económico, que xera emprego estable e de calidade, unha maior vinculación co territorio e unha mellora no benestar social. Entre outros conceptos, contemplan apoios como o asesoramento legal para a constitución da cooperativa ou sociedade laboral, imaxe corporativa, márketing, equipamento informático, reforma do local, mobiliario ou elementos de transporte, entre outros.

Estas achegas promoven a creación de cooperativas ou sociedades laborais a partir de todo tipo de sociedades mercantís, da unión de persoas traballadoras autónomas ou tras a adquisición da entidade por parte das persoas traballadoras da mesma.

O delegado territorial aproveitou a visita para destacar o compromiso da Xunta coa “creación, mantemento e mellora do emprego en Galicia”. Neste sentido, Reguera lembrou que “a mellor política social que se pode facer é a política de emprego” e felicitou aos empresarios e emprendedores que, “con moito traballo e arriscando o seu patrimonio, fan crecer social e economicamente a Galicia”.

Loading...