José González recoñeceu a figura de Carmen Lence, galardoada este ano, e recoñeceu o seu compromiso cun sector estratéxico para Galicia, como é o lácteo, así como a súa aposta pola innovación e a competitividade
Salientou a firme aposta da Xunta polo emprendemento vencellado ao territorio e puxo de manifesto a necesaria implicación público-privada para ampliar o seu impacto na economía e no emprego
Destacou que en 2026 se seguirá reforzando este camiño, con medidas estratéxicas como o fortalecemento e a especialización da Rede de polos de emprendemento, que xa atenderon máis de 5.100 proxectos en Galicia, o 60 % liderados por mulleres
Indicou tamén que se incorporarán novidades na orde unificada de apoio aos autónomos, núcleo do tecido emprendedor, incluíndo dous anos de cota cero para novas actividades nos ámbitos da agricultura, gandería e silvicultura
Hoxe tamén se presentou en Santiago o congreso Ultreia Galicia, promovido pola Xunta e que se celebrará os días 27 e 28 de novembro na Ribeira Sacra no marco do recoñecemento de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participaron hoxe no acto de entrega do Premio emprendedor do ano 2025, que nesta edición recoñeceu a traxectoria de Carmen Lence, presidenta de Grupo Lence.
Na súa intervención de clausura, José González fixo referencia ao Día internacional da muller emprendedora, que se conmemora hoxe, e salientou a figura da lucense, á que definiu precisamente como un referente de liderado feminino ao fronte dunha empresa familiar. Tamén destacou o seu compromiso cun sector estratéxico para Galicia, como é o lácteo, así como a súa firme aposta pola innovación desde o rural galego.
González indicou que o modelo de emprendemento ligado ao territorio, ao rural e á Galicia non urbana —pero competitivo e cunha visión global— constitúe unha das principais apostas da Xunta para avanzar no desenvolvemento e no equilibrio territorial, un labor que xa obtivo o recoñecemento europeo coa distinción de Galicia como Rexión Emprendedora 2025. Engadiu que o Goberno galego continuará por esta senda mediante o fortalecemento do ecosistema emprendedor, a colaboración público-privada e o papel da Administración autonómica como facilitadora e impulsora de novas iniciativas.
Neste sentido, puxo en valor a importancia de actos como o Premio emprendedor do ano, ao considerar que contribúen a lembrar o papel do emprendemento como motor de transformación, progreso e xeración de oportunidades. O conselleiro agradeceu a implicación das entidades organizadoras —Ernst & Young, Julius Baer e o IESE Business School— e insistiu na necesidade de seguir sumando esforzos para ampliar o seu impacto no territorio, na economía e no emprego.

Congreso Ultreia Galicia
Galicia continúa avanzando no apoio ao emprendemento cun amplo abano de medidas que se reforzarán en 2026. Entre elas destaca o fortalecemento da Rede de polos de emprendemento, composta por 15 oficinas que xa atenderon máis de 5.100 proxectos —case un 60 % liderados por mulleres— e coas que se buscará camiñar cara á especialización en sectores tractores de cada comarca, facilitando a identificación de oportunidades e de negocios con necesidades de remuda xeracional. Tamén destaca o firme apoio ao colectivo autónomo, núcleo do ecosistema emprendedor, a través da orde unificada de axudas que incorporará o vindeiro ano novidades como dous anos de cota cero para novas actividades nos ámbitos da agricultura, gandería e silvicultura, así como o reforzo do Bono Remuda, que aumenta un 20% ata acadar os 1,5 millóns de euros.
Hoxe presentouse tamén en Santiago o próximo congreso Ultreia Galicia impulsado pola Xunta e que ten como obxectivo poñer en valor o emprendemento ligado ao territorio. O encontro celebrarase os días 27 e 28 de novembro na Ribeira Sacra e reunirá 60 referentes nacionais e internacionais, 30 empresas tractoras e 150 participantes do ecosistema emprendedor, co propósito de conectar iniciativas galegas con outras europeas e de visibilizar a capacidade innovadora do territorio.