A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse hoxe ata Cervo onde se está a impartir o curso ‘Perfeccionamento de técnicas de forxa’
O curso é impartido polo recoñecido artesán Telmo Cao e con el amplíase o curso de iniciación celebrado no pasado mes de xullo
Esta iniciativa enmárcase en ‘Aprender da tradición. Oficios e técnicas’ , un proxecto pioneiro impulsado pola Xunta para contribuír á profesionalización do sector artesán galego e a atraer novos talentos que garantan a remuda xeracional
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse hoxe ata Cervo onde se está a impartir o curso Perfeccionamento de técnicas de forxa, unha acción formativa enfocada na divulgación e na transmisión do traballo artesanal da forxa, enmarcado dentro do programa pioneiro Aprender da tradición. Oficios e técnicas, impulsado pola Xunta dende o ano 2023 para impulsar a remuda xeracional no sector artesanal galego, como vertebrador do territorio e fixador de poboación especialmente no rural.
O artesán Telmo Cao é o encargado de impartir esta acción formativa no seu obradoiro e que se iniciou o pasado 24 de outubro e remata o vindeiro 23 de novembro. Elena Fabeiro puido coñecer de primeira man o traballo que están a facer as persoas asistentes sobre diferentes tipos de unións e técnicas de montaxe de pezas tradicionais como fragmentos de rexas forxadas, perfeccionando así os coñecementos adquiridos no curso de iniciación celebrado o pasado mes de xullo en Cervo e ao que asistiron as persoas seleccionadas tamén para este segundo curso.

Aprender da tradición
Iniciado a finais de 2023, Aprender da Tradición. Oficios e técnicas é un programa formativo único en España, unha estratexia pioneira enfocada a garantir a remuda xeracional no sector artesanal galego, como vertebrador do territorio e fixador de poboación especialmente no rural.
Entre os seus obxectivos principais atópase capacitar os artesáns e expertos en oficios artesanais para que poidan transmitir os seus coñecementos; facilitar a formación de novas xeracións interesadas en aprender estes oficios e técnicas; fomentar a comercialización de produtos elaborados por artesáns locais e sensibilizar a comunidade sobre a importancia da conservación dos oficios tradicionais; revalorizar e visibilizar os procesos artesanais vinculados aos vellos saberes para ofrecer novos valores; e tamén afianzar un sector artesanal competitivo capaz de aglutinar todo o talento artesán.
O programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas está dirixido, por unha banda, a artesáns profesionais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e, pola outra, a captación de novos perfís ao mundo da artesanía. Este segundo grupo é ao que vai dirixida a primeira liña na que se artella a iniciativa, centrada na remuda xeracional e clave para asegurar o futuro do sector. Así, potenciarase unha nova xeración de artesáns cun fondo coñecemento práctico dos seus oficios e conséguese —mediante cursos de formación— proporcionarlles as habilidades que antes se conseguían entrando a traballar de aprendices nos propios obradoiros, como complemento á formación máis teórica que se pode adquirir nas escolas. Deste xeito, dáselle continuidade aos oficios tradicionais vinculados ao territorio, asegurando a dinamización cultural, turística e económica de Galicia.
Existe tamén unha segunda liña que incide na capacitación e na profesionalización de artesáns profesionais xa en activo, transmitindo as técnicas tradicionais e os segredos do oficio de xeito que se contribúa á mellora dos seus produtos finais; ao tempo que estes profesionais abren novas liñas de mercado e se revaloriza o proceso artesanal e o saber facer como parte fundamental do produto de calidade.