O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta mañá na terceira etapa desta iniciativa que promove o intercambio de experiencias e a xeración de contactos profesionais a través do Camiño de Santiago

Destacou a aposta estratéxica do Executivo galego a prol dos emprendedores, coa Rede de polos como máximo expoñente, que conta en Pontevedra con tres oficinas que levan asesorado arredor de 1.500 proxectos empresariais

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta mañá no tramo final da terceira etapa da iniciativa Galicia Camiño Emprendedor, percorrida entre A Guarda e Baiona seguindo o trazado do Camiño Portugués da Costa. Alí destacou o valor desta proposta da Xunta, que combina mentorización para persoas emprendedoras cunha experiencia compartida no Camiño de Santiago, ao tempo que contribúe á promoción de Galicia e da Ruta Xacobea como destino de lecer e actividade económica.

O programa, impulsado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en colaboración con Turismo de Galicia e a Fundación Ronsel, baséase na metodoloxía da mentorización, fundamentada na relación de confianza entre a persoa mentora e a emprendedora. Trátase dunha fórmula pola que aposta a Xunta para desenvolver o potencial de cada participante, facilitando o acompañamento continuo, o intercambio de coñecemento e a creación de redes de contacto profesional que favorezan o fortalecemento e crecemento dos proxectos.

Nesta etapa, tal e como salientou Fernández, tamén participaron persoas emprendedoras doutros territorios de fóra de Galicia, co obxectivo de difundir o potencial da comunidade como lugar para emprender, favorecer novas conexións e fomentar o intercambio de ideas.

O secretario xeral puxo en valor que o impulso ao emprendemento e ao traballo autónomo é unha das mellores ferramentas para xerar progreso e innovación, dinamizar o territorio e contribuír á fixación de poboación no rural. Neste sentido, lembrou que o Goberno galego continuará reforzando o apoio ás persoas autónomas e emprendedoras mediante programas como Galicia Camiño Emprendedor, así como coa orde unificada de axudas ao colectivo —que se reeditará o vindeiro ano cunha dotación superior aos 40 millóns de euros— e co fortalecemento da rede de Polos de emprendemento, que conta con 15 oficinas distribuídas por toda Galicia —tres deles en Pontevedra— para asesorar a quen desexe poñer en marcha un novo proxecto. No caso de Silleda, O Porriño e Vilanova de Arousa, en total xa prestaron apoio a arredor de 1.500 iniciativas.

Loading...