José González puxo en valor o compromiso do Goberno galego co benestar laboral no marco do diálogo social, unha ferramenta que institucionalizará cun futuro decreto e onde se abordan retos como o da prevención do absentismo inxustificado

Destacou outras iniciativas autonómicas como a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade, da que se publicou recentemente no DOG o decreto que a regula e o programa Responsabilízate, que reforzará a aposta polo benestar laboral

Puxo en valor o labor do Issga e as actuacións enmarcadas na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou na presentación da Certificación de Benestar Laboral impulsada por Aenor e a Fundación Mundial da Felicidade, celebrado na sede do Club Cámara Noroeste. Alí anunciou que o vindeiro ano Goberno galego actualizará a estratexia galega de responsabilidade social empresarial poñendo o foco no benestar laboral. Nesta liña, explicou que deseñará unha nova estratexia atendendo aos cambios da realidade laboral e a desafíos como a prevención do absentismo inxustificado co fin de seguir acompañando ás empresas para que implementen medidas efectivas a prol da súa competitividade.

Ademais, José González puxo en valor o compromiso da Xunta co benestar laboral no marco do diálogo social, unha ferramenta de negociación colectiva que o Executivo autonómico institucionalizará cun futuro decreto do que iniciou recentemente a tramitación. Deste xeito, establecerase por primeira vez unha norma reguladora da Mesa de Diálogo Social de Galicia, da que forman parte o Goberno galego, as organizacións sindicais e a patronal, co fin de consolidar este espazo, dotalo de maior transversalidade e impulsar a súa adecuación ás novas realidades laborais.

Precisamente neste marco, subliñou o conselleiro, é onde se debe dar resposta conxunta a retos como o da prevención do absentismo laboral inxustificado, cuestión sobre a que se constituíu un grupo específico de traballo dentro deste espazo de negociación. Neste espazo, explicou, presentáronse as primeiras conclusións do informe técnico realizado pola Universidade de Santiago de Compostela e a de Vigo sobre o absentismo laboral en Galicia, do que haberá máis resultados proximamente.

Outras iniciativas autonómicas

En canto ás certificacións relacionadas co benestar laboral, como a presentada hoxe, José González agradeceu o traballo das entidades impulsoras deste distintivo a prol de recoñecer con el ás organizacións empresariais polas súas boas prácticas en condicións laborais óptimas que priorizan a saúde, seguridade e o benestar das persoas. Neste sentido, destacou o apoio da Xunta a este tipo de distintivos a través de axudas ás empresas para sufragar os custos da certificación no marco da orde para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a Responsabilidad Social Empresarial.

Ademais, o conselleiro lembrou que recentemente o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o decreto que regula a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade e o Rexistro de empresas e entidades do terceiro sector —estas últimas, organizacións privadas sen ánimo de lucro— recoñecidas con este distintivo. Este certificado recoñecerá aquelas empresas ou entidades do terceiro sector que destaquen na aplicación das políticas de igualdade para a equiparación laboral entre mulleres e homes e no decreto que o regula figuran, entre outros aspectos, os requisitos, condicións e criterios de igualdade, así como o procedemento para a obtención e renovación da certificación por parte das empresas e entidades do terceiro sector.

José González tamén salientou o programa autonómico e pioneiro en España Responsabilízate, que busca a implantación da sustentabilidade en pemes e microempresas a través do asesoramento personalizado e gratuíto neste eido e na súa próxima edición reforzará precisamente a aposta polo benestar laboral. Lembrou que del xa se levan beneficiado 700 entidades de ámbitos laborais como a construción, a asesoría, os sectores primarios, as TIC ou o turismo.

Todas estas medidas, engadiu, súmanse ao labor clave do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) e ás actuacións enmarcadas na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 que ten en conta novos escenarios como a dixitalización, os riscos climáticos ou a transición demográfica.

 

Loading...