Nun evento centrado no emprego, na mobilidade e na colaboración, José González referiuse á Galicia como terra de oportunidades tanto para os residentes, como para as persoas retornadas ou procedentes de 3º países, a través do emprego de calidade

Puxo en valor a futura Oficina de Atracción de Talento ou a nova orde que con 1,5M€ impulsará a rehabilitación de vivendas a disposición das persoas traballadoras do exterior que sexan incorporadas por empresas galegas no marco do plan autonómico

Tamén outras xa consolidadas dentro da Estratexia Galicia Retorna como o Retorna Cualifica Emprego, que propiciou que uns 380 galegos do exterior fosen seleccionados polo noso tecido produtivo, as bolsas BEME ou o apoio ao emprendemento retornado

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe en Barcelona na mesa redonda sobre emprego, mobilidade e colaboración promovida pola Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña (Aega-Cat) en colaboración con Nortempo, onde destacou o modelo propio que defende Galicia a prol de sumar, formar e reter talento en beneficio dun mercado laboral cada vez máis dinámico e competitivo. Nese senso, referiuse á nosa Comunidade como unha terra de oportunidades, tanto para quen vive aquí como para as persoas que noutrora emigraron e queren volver, así como para as procedentes de terceiros países, dentro dun plan de captación de talento no que Galicia aposta, dun xeito equilibrado, por favorecer a incorporación de traballadores do exterior da man do tecido produtivo e sempre en base a un emprego de calidade, xa sexa por conta allea ou no autoemprego.

Na súa intervención no marco desta mesa —na que tamén participaron o presidente de Aega-Cat e de Grupo Hotusa, Amancio López Seijas, e o vicepresidente do Grupo Nortempo, Ángel Pidal—, o conselleiro referiuse ao talento como a pedra angular para garantir o progreso de cada empresa en particular e da economía en xeral. Nesa liña, reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia coa cobertura de vacantes ou coa remuda xeracional, indo da man do tecido produtivo para que atope os perfís xustos que necesita e facilitando todos os procesos o máximo posible, tanto a empresas como a persoas traballadoras. Apostando principalmente pola forza laboral interna, co foco posto en colectivos prioritarios como as mulleres ou a mocidade, puxo de relevo en paralelo o Plan de atracción de talento que contará o ano que vén cunha nova oficina que canalizará as medidas relacionadas co emprego dirixidas a persoas provenientes do exterior, primeiramente retornadas e nun segundo termo procedentes de terceiros países.

Dentro dese Plan, José González destacou ante a colectividade galega en Cataluña iniciativas que veñen funcionando como o programa Retorna Cualifica Emprego, que xa ten propiciado que uns 380 galegos do exterior fosen seleccionados para vir traballar á nosa terra e haxa na actualidade 175 empresas ofertando postos de traballo. A maiores, e no marco da Estratexia Galicia Retorna, salientou os apoios ao emprendemento retornado —dos que desde 2018 se beneficiaron máis de 900 proxectos empresariais— ou as bolsas BEME —que permitiron a volta de 1.700 mozos e mozas de máis de 40 países para completar os seus estudos universitarios en Galicia—.

Canto ás accións dirixidas a traballadores de terceiros países, sempre da man das empresas para favorecer unha inmigración ordenada e planificada —aseverou— recordou os protocolos de entendendemento asinados con catro países hispanoamericanos co obxectivo de facilitar a incorporación de traballadores para a cobertura de vacantes.

Novidades de 2026

Mirando ás medidas do ano que vén, o conselleiro referiuse inicialmente á modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia avanzando na intelixencia artificial a través da ferramenta EMi, que xa permitiu realizar o perfilado competencial dunhas 82.000 persoas.

No ámbito da formación para o emprego, puxo de relevo as accións destinadas a persoas desempregadas e ocupadas, así como o piloto de microcredenciais en competencias dixitais especializadas previsto no marco do novo decreto que se prevé aprobar en decembro.

A maiores da Oficina de Atracción de Talento, no contexto das medidas para sumar novas persoas traballadoras mencionou tamén a orde para a rehabilitación de vivendas a disposición das persoas captadas, para nutrir —dixo— dous eixes estratéxicos: atracción de talento ordenado e equilibrio territorial, con especial fincapé no rural. Nese senso, aludiu á orde unificada de axudas para autónomos con case 41 M€ que incrementará o orzamento do Bono Remuda deica os 1,5 M€ e estenderá a cota cero para novas altas ata os 24 meses para quen se inicie en calquera sector asociado á agricultura, á gandaría e á silvicultura.

Por último referiuse a demandas prioritarias de Galicia que se seguirán trasladando ao Goberno central, como a necesidade de axilizar o traspaso de competencias das autorizacións iniciais de traballo no referido ás persoas traballadoras procedentes de terceiros países, a homologación de títulos académicos do exterior, a actualización do catálogo de postos de difícil cobertura ou a consideración das microcredenciais para a inserción sociolaboral das persoas migrantes.

Loading...