O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe en Pontevedra na inauguración do evento, onde destacou que os Polos pontevedreses teñen propiciado a creación dun cento de empresas
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe na inauguración do Foro de emprendemento mozo: innovación e oportunidades, organizado por AJE Pontevedra. Alí, destacou o traballo desenvolvido no marco dos Polos de emprendemento da provincia, que acumulan arredor de 1.500 proxectos atendidos nas oficinas existentes en Silleda, Vilanova de Arousa e O Porriño, ademais de ter propiciado a creación dun cento de empresas. Un cuarto do total de iniciativas, segundo sinalou, están impulsadas por persoas de entre 16 e 34 anos, unha representatividade que se eleva ao 40% se se ten en conta tamén o tramo ata os 39 anos.
Na súa intervención, o secretario xeral puxo en valor o evento de hoxe para proporcionar ás persoas mozas un espazo no que coñecer as oportunidades e retos actuais relacionados cos aspectos clave como a innovación e a dixitalización e as oportunidades no mercado actual. Nese senso, salientou o asesoramento técnico e personalizado prestado na Rede de polos, atendendo aos diferentes desafíos que afrontan os negocios.
Nesa liña, e recordando que AJE colabora coa Xunta para darlle un pulo ao emprendemento precisamente no marco da Rede de polos, Fernández achegou datos como as máis de 3.300 titorías realizadas ata o de agora no conxunto da provincia de Pontevedra. Canto ás actividades, lévanse celebrado unhas 160 reunións con entidades do territorio, máis de medio cento de accións de formación e máis dunha trintena de eventos.