A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe na clausura do seminario A vixilancia da saúde na actividade forestal, organizado pola Asociación de empresarios da 1ª transformación da madeira de Lugo (Lugomadera) e apoiado pola Xunta. Alí, puxo de relevo a importancia da colaboración entre todos os axentes implicados para garantir a seguridade e saúde laboral, neste caso, no sector forestal.
A xerente do Issga destacou que o Goberno galego impulsou desde a súa creación o pioneiro Servizo de Prevención Mancomunado de Lugomadera, que busca mellorar os recursos de prevención de riscos laborais neste eido implicando especialmente as pequenas e medianas empresas, de xeito que as que conten con recursos limitados poidan acceder a unha xestión de prevención de calidade e altamente especializada. No referido ás actuacións da Xunta, lembrou as continuas campañas e accións de sensibilización e formación centradas no sector forestal por consideralo de actuación prioritaria, tanto ao abeiro da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo: horizonte 2027 como dos distintos plans anuais do Issga. É o caso das recentes sobre boas prácticas no uso dos equipos de protección individual (EPI) e para garantir a seguridade nos aproveitamentos forestais en zonas perigosas, en ambos casos tendo como fundamento documentos técnicos elaborados polo grupo de traballo técnico do sector forestal do Issga, no que participan, entre outros, Lugomadera.