A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, participou esta mañá en Ourense na presentación do documento

Destacou a colaboración entre as distintas autonomías á hora de elaborar manuais de prevención de riscos laborais como o difundido hoxe, sumando recursos e coñecementos co gallo de dar resposta ás necesidades do mercado de traballo

A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe en Ourense na presentación do manual O recurso preventivo e outras vixilancias de traballos elaborado polos institutos de seguridade e saúde laboral de Galicia, Asturias, Cantabria e o País Vasco. Alí, puxo de relevo a colaboración entre as distintas comunidades á hora de elaborar documentos técnicos en prevención de riscos laborais que dean resposta ás necesidades do mercado de traballo, sumando recursos e coñecementos na procura dunha maior eficiencia do servizo que prestan nos distintos territorios ao tecido empresarial e social.

No marco desta colaboración, o denominado Grupo CANO dos catro organismos elaborou o documento presentado hoxe tras analizar diversa normativa na que aparece recollida a figura do recurso preventivo e tamén tendo en conta as consultas recibidas e os problemas de aplicación detectados no desenvolvemento das súas actuacións técnicas en distintos sectores como a construción e o naval. Neso senso, na xornada desta mañá en Ourense os técnicos autonómicos puxéronse a disposición tanto de distintos actores da empresa como de organizacións sindicais e de asesores na xestión preventiva.

En concreto, a publicación aborda distintos aspectos sobre a figura do recurso preventivo tratando de aclarar en que situacións é necesaria, a quen lle corresponde o seu nomeamento e que funcións debe desenvolver. A maiores, propón modelos para a súa xestión práctica.

Así, durante a xornada expuxéronse algunhas das actividades que poden presentarse en distintos sectores, tales como riscos especialmente graves de caída de altura, traballos con risco de soterramento ou afundimento, en espazos confinados ou con risco de afogamento por inmersión. Tamén se comentaron algúns procesos nos que deben estar presentes outras figuras de vixilancia preventiva, como poden ser traballos en inmersión con equipo subacuático, actividades onde se manipulan, transportan e utilizan explosivos, traballos con risco eléctrico ou con risco de amianto.

Loading...