Ana Ortiz clausurou este luns o curso adicado a Deseño Gráfico e Multimedia e Xestión e Dinamización de Empresas
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, animou este luns ao alumnado do obradoiro MAIV 2025 a aproveitar a oferta formativa e laboral para incrementar as posibilidades de atopar un traballo. Ortiz, que estivo acompañada polo alcalde, Abel Caballero, e o director territorial de Emprego, José Antonio Fachado, salientou a implicación da administración autonómica coa promoción do emprego na cidade de Vigo e salientou os estudos impartidos aos 16 alumnos e alumnas que participaron nos cursos durante os últimos once meses.
O obradoiro MAIV 2025, organizado pola Mancomunidade de Vigo, contou cunha achega da Xunta de 448.675,06 euros para ofertar as especialidades de Xestión de Marketing e Multimedia e Xestión e Dinamización de Empresas. “A formación que recibides durante o último ano son unha ventá ao mercado de traballo e tanto a cidade como o resto de Galicia, a sociedade e as empresas, necesitan xente formada, aí é onde tedes a vosa oportunidade”, destacou.
A representante autonómica enfatizou o compromiso do Executivo galego por incrementar as oportunidades e a estabilidade laboral dos galegos e galegas, cunha formación adaptada ás demandas reais do mercado e en colaboración cos concellos.
Fixo así especial fincapé na ampla dimensión destes programas, por canto melloran a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórica e práctica de calidade, con opción a obter un certificado de profesionalidade e a un contrato de traballo.