O alumnado combinou a formación teórica con traballo efectivo, realizando proxectos de mellora das infraestruturas municipais dos concellos organizadores

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá na clausura do programa de emprego de garantía xuvenil Amorea, no concello de Lalín.

O programa, que tivo unha duración de preto dun ano, contou cun financiamento da Xunta de preto de 280.000 euros que permitiu que 10 mozos e mozas se formasen de forma teórica e práctica na especialidade de xestión de almacén e aprovisionamento.

O delegado destacou na súa intervención “a importancia deste tipo de iniciativas nas que a Xunta colabora cos concellos para apostar de forma directa e decidida pola mellora da empregabilidade dos mozos e mozas galegos”. Cabe destacar que, ademais de recibir unha formación teórica, os participantes realizaron un traballo efectivo nas instalacións municipais.

Reguera rematou incentivando a todos os mozos e mozas que contemplen o emprendemento como unha opción de futuro a achegarse a un dos 15 Polos de emprendemento que a Xunta ten por todo o territorio galego.

Obradoiros de emprego duais

Cabe destacar que Lalín organizou tamén un obradoiro de emprego dual que rematou hai unhas semanas e que involucrou a 20 persoas desempregadas. Esta modalidade de obradoiro tamén combina a formación teórica con traballos que se desenvolven nos propios concellos. Así, esta iniciativa contou cun investimento por parte da Xunta de preto de 420.000 euros.

Loading...