O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, defendeu hoxe a importancia da colaboración cos concellos e co tecido empresarial para avanzar na prevención de riscos e na seguridade nas contornas laborais. Así o sinalou durante a inauguración da xornada técnica Orientacións para a xestión segura dos materiais con amianto. Retos de futuro, que se desenvolve hoxe en Santiago e está organizada polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Nesta actividade preséntanse as novas directrices dirixidas aos concellos para a elaboración do censo municipal de instalacións con amianto a prol dunha xestión segura dos residuos con este material. Tamén ten como fin proporcionar información actualizada e práctica neste eido e sensibilizar aos participantes sobre os riscos asociados ao amianto na contorna laboral e sobre a necesidade de protocolos preventivos. Alí, Pablo Fernández tamén puxo en valor as actuacións do Issga ao abeiro da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, que ten entre os seus obxectivos a mellora da calidade da xestión preventiva no ámbito laboral con accións como a xornada de hoxe

Loading...