José González destacou que Galicia pon a disposición das persoas emprendedoras todos os recursos necesarios para facilitar a posta en marcha dos seus negocios a través de canles como a Rede de polos, que leva atendidos xa máis de 4.800 proxectos

Destacou a importancia da colaboración público-privada para fortalecer o ecosistema emprendedor galego, salientando o papel de entidades como AJE Galicia e AJE Vigo na defensa dos intereses dos mozos e mozas empresarios

Avogou pola importancia de ser unha administración facilitadora, reducindo trabas burocráticas e acompañando a autónomos e pemes nos desafíos que afrontan e para que a remuda xeracional sexa unha oportunidade real

Destacou o apoio á mocidade a través da futura Estratexia Mocidade Activa que inclúe apoios á contratación como os programas Investigo (4,8 M€), o de primeira experiencia profesional (6,7 M€) ou o Galicia Emprega Moz@s (3,5 M€)

Salientou tamén o foco na formación como panca de retención de talento e subliñou a aposta estratéxica pola flexibilidade da formación para o emprego, no marco da cal Galicia será a primeira CCAA en regular as microcredenciais para o traballo

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, reafirmou hoxe a aposta do Goberno galego por impulsar o emprendemento ligado ao territorio e poñer a disposición das persoas todas as ferramentas necesarias para facilitar a posta en marcha dos seus propios negocios a través de instrumentos clave como a Rede de Polos, que leva xa atendidos máis de 4.800 proxectos en toda Galicia. Destacou a importancia de apoiar o emprendemento que xorde aquí e queda aquí, porque vertebra a economía e contribúe a dinamizar o territorio, felicitando aos nominados e premiados na gala de hoxe como a mellor demostración da comunidade galega como referente de emprendemento en Europa, recoñecemento que xa lle valeu o galardón de Rexión Emprendedora 2025.

Así o sinalou durante a gala da XX edición do Premio Joven Empresario/a e Iniciativa Emprendedora de AJE Vigo —á que tamén asistiron o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández; a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía, Marta Mariño; e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz— e durante a cal o conselleiro entregou o premio á mellor Iniciativa Emprendedora.

Alí tamén salientou o papel fundamental de entidades como AJE Galicia e AJE Vigo na defensa dos intereses dos mozos e mozas empresarios e como entidade clave no ecosistema emprendedor galego. E destacou que a colaboración público-privada é esencial para afianzar o desenvolvemento empresarial, e onde a Xunta —subliñou— avoga por ser unha administración facilitadora, reducindo trabas burocráticas e acompañando a autónomos e pemes nos desafíos que afrontan nun entorno cada vez máis esixente e para que a remuda xeracional sexa unha oportunidade real.

Así, sinalou a vocación emprendedora da comunidade galega, que ademais da Rede de Polos desenvolve accións ligadas ao territorio como o proxecto Fixar, coa segunda edición en marcha para continuar potenciando o modelo dos colivings co fin de atraer emprendedores a Galicia. Esta é unha das múltiples medidas encadradas na estratexia global de emprendemento á que se destinan máis de 32 millóns de euros neste exercicio e que se complementa co apoio ao propio tecido autónomo, cunha orde unificada dotada con máis de 40 millóns de euros posta en marcha este ano.

Pulo á mocidade e á formación flexible

José González puxo tamén hoxe en valor a aposta do Goberno galego a prol da empregabilidade da mocidade, tanto por conta propia como allea, con medidas ligadas ao territorio e enfocadas a reter o seu talento.

Entre elas, destacou a futura Estratexia Mocidade Activa, dotada con 20 millóns de euros desde a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e baixo a que se inclúen apoios á contratación como os programas Investigo (4,8 M€), Primeira Experiencia Profesional (6,7 M€) ou Galicia Emprega Moz@s (3,5 M€). Salientou tamén o foco na formación como panca de talento e subliñou a aposta estratéxica pola flexibilidade da formación para o emprego, no marco da cal Galicia será a primeira comunidade autónoma en regular as microcredenciais para o traballo. Esta medida permitirá ás empresas contar cunha oferta formativa complementaria á medida das súas necesidades e ás persoas traballadoras actualizar competencias de forma áxil para mellorar as súas oportunidades laborais.

Loading...