O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, inaugurou no IES Ramón Cabanillas de Cambados a xornada de presentación da nova campaña promovida polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga)
Está dirixida ao persoal fixo e temporeiro das cinco denominacións de orixe e cinco indicacións xeográficas protexidas do viño galegas, así como aos colectivos fóra das DO e IXP e ás futuras persoas traballadoras do sector do viño
Inclúe os riscos presentes na preparación do terreo, nos tratamentos ás cepas e na recolleita da uva, como a exposición solar, o uso de tractor ou elevadores, os produtos fitosanitarios ou os trastornos musculoesqueléticos e a manipulación de cargas
Enmárcase na atención a eidos económicos prioritarios, non só coa elaboración de documentación técnica, senón tamén con asesoramento a empresas, coa promoción da prevención e coa realización de diversas actividades formativas e informativas
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, inaugurou hoxe no IES Ramón Cabanillas de Cambados a xornada de presentación da nova campaña dirixida a previr riscos laborais nos traballos da viña —incluída a vendima— con documentación técnica elaborada polo persoal do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga). Unha documentación que non só está dispoñible na web do Issga senón que tamén se fará chegar aos principais axentes do sector.
Así, e segundo destacou Fernández, a acción está enfocada ao persoal fixo e temporeiro das cinco denominacións de orixe do viño galegas (Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Valdeorras e Monterrei) e das cinco indicacións xeográficas protexidas (Viño da Terra de Barbanza e Iria, Viño da Terra de Betanzos, Ribeiras do Morrazo, Val do Miño-Ourense e Terras do Navia), así como aos colectivos do sector do viño non incluídos nestas DO e IXP e ás futuras persoas traballadoras deste eido.

Campaña do Issga
En concreto, no relativo aos traballos na viña, reflíctense os riscos presentes na preparación do terreo ou nos tratamentos ás cepas, como os derivados do traballo no exterior (exposición solar e calor, frío e humidade), do uso de equipos de traballo (tractor, apeiros, rozadoira, motoserra, aramios…) ou de produtos fitosanitarios, así como os trastornos musculoesqueléticos ou pola manipulación de cargas. Nese sentido, pode haber caídas ao mesmo ou distinto nivel, exposición excesiva ao ruído ou vibracións e alerxias a determinados produtos, entre outros.
No que ten que ver coa vendima, recóllense os riscos laborais durante os traballos da recollida da uva, asociados ao uso de vehículos e remolques (circulación, enganche e desenganche), de aparellos elevadores (pola inclinación do terreo) ou de ferramentas manuais, así como os trastornos musculoesqueléticos ou pola manipulación de cargas.
En ambos documentos inclúense aspectos relacionados coa perspectiva de xénero, cos primeiros auxilios ou coa lexislación aplicable, instando ás empresas a deixar reflectidos nos seus plans de prevención todos estes riscos laborais, ademais da política da empresa, a súa estrutura organizativa, as responsabilidades, as funcións, a avaliación de riscos, a planificación de accións, os procedementos, os procesos e os recursos necesarios para desenvolver de forma óptima a acción preventiva.
Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027
O secretario xeral destacou que estas accións enmárcanse na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 que, con preto de 56 millóns de euros de investimento, marca a folla de ruta a medio prazo, que se concreta cada ano no plan anual do Issga. Este documento pon o foco, entre outras cuestións, en campañas de prevención, formación e asesoramento técnico nos sectores e actividades de maior risco e sinistralidade, así como medidas relacionadas con riscos emerxentes, saúde integral das persoas traballadoras, benestar laboral e seguridade viaria.
No caso do sector vitivinícola, Pablo Fernández sinalou que cómpre especial atención pola súa relevancia económica vertebradora do territorio, tanto á hora de prestar asesoramento técnico a empresas, como de promover a prevención de riscos laborais, elaborar documentación técnica e ou realizar diversas actividades formativas e informativas. Nesa liña, salientou que se trata dun colectivo sometido non só aos riscos asociados ás formas tradicionais de produción, senón tamén ás derivadas das innovacións tecnolóxicas que se teñen producido no sector.
