José González destacou a modernización das oficinas de emprego para impulsar as oportunidades laborais e axustarse ás necesidades de talento das empresas, con fitos como os 74.700 demandantes de emprego perfilados co software EMi

Dentro do esforzo autonómico por unha formación para o emprego flexible e á carta do tecido empresarial, salientou o futuro decreto de microcredenciais, co que Galicia será a primeira comunidade autónoma en regular esta cuestión

En canto á atracción de talento externo centrada na diáspora, destacou o Retorna Cualifica Emprego, que ata o momento permitiu a contratación dunhas 320 persoas de máis de 20 países e que inclúe novidades como axudas para alugueiro de vivenda

En canto ás persoas de terceiros países, a Xunta agarda a pronta convocatoria da Comisión Mixta de Transferencias para iniciar a negociación do traspaso das competencias para as autorizacións iniciais de traballo para persoas estranxeiras

En relación co absentismo laboral inxustificado, sinalou que proximamente haberá máis resultados sobre o informe encargado ás universidades de Santiago e Vigo en base ao que se está traballando no marco do diálogo social

O software con intelixencia artificial EMi, implantado nas 54 oficinas de emprego galegas en abril de 2024, xa permitiu realizar o perfilado competencial de máis de 74.700 persoas demandantes de emprego, superando o obxectivo de 70.000 perfís marcado para este mes de setembro e favorecendo a potenciación da empregabilidade destes usuarios, aos que se lle detectan as competencias que deben traballar para axustarse ao que demandan as empresas. Este proceso enmárcase na modernización integral do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) que está a impulsar a Xunta en prol da xestión eficaz do talento na comunidade.

Estas cifras foron trasladadas polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, no marco do Foro Empregabilidade: empresa e talento, o binomio imprescindible, celebrado na sede do Círculo de Empresarios de Galicia, onde estivo acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e no que tamén participou a presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, María Borrás.

Alí González afondou nas medidas do Goberno galego dentro do mercado laboral interno e para a atracción de talento de cara a facer fronte a desafíos como a cobertura de vacantes, a remuda xeracional ou o absentismo laboral inxustificado. En relación á potenciación do talento interno, o conselleiro tamén puxo de relevo a aposta da Xunta por unha formación para o emprego flexible e á carta das necesidades do tecido empresarial, ámbito no que está a axustar de xeito integral a formación tanto para persoas actualmente sen traballo –con liñas como a pioneira nova orde de accións formativas para desempregados, dotada con 50M€ para beneficiar unhas 12.000 persoas cunha formación flexible e introducindo a formación dual– como ocupadas.

Dentro desta potente aposta salientou o futuro decreto de microcredenciais, que está en fase de consulta pública para que o tecido empresarial achegue as súas propostas e que a Administración galega prevé aprobar a finais deste ano. Deste xeito, Galicia será a primeira comunidade autónoma en regular as características, recoñecemento e validez das microcredenciais para o emprego, en consonancia coas recomendacións europeas e consolidando un modelo formativo áxil, flexible e orientado ao mercado.

Programa de atracción de talento exterior

Ás actuacións para impulsar a forza laboral interna engádense as destinadas a atraer talento exterior, co foco na comunidade galega emigrante e onde González destacou medidas como o Retorna Cualifica Emprego, que ata o momento permitiu a contratación dunhas 320 persoas de máis de 20 países, que están traballando en sectores como hostalaría, industria, construción, comercio, servizos ou agrogandeiro. Como novidade, este ano inclúense apoios para facilitar o acceso ao alugueiro. Isto complementarase cunha nova orde de axudas para a rehabilitación de vivendas para ser alugadas por persoas con contrato de traballo beneficiarias do plan de captación de talento.

Este plan autonómico tamén abarca medidas para os traballadores de terceiros países, sempre en colaboración co tecido produtivo para favorecer unha inmigración planificada e ordenada. Neste ámbito, a Xunta solicitou ao Goberno central o traspaso das competencias para as autorizacións iniciais de traballo e espera a pronta convocatoria da Comisión Mixta de Transferencias para consensualo.

Absentismo laboral inxustificado

En canto ao absentismo laboral inxustificado, o conselleiro informou de que proximamente haberá máis resultados sobre o informe encargado ás universidades de Santiago e Vigo. O obxectivo é propoñer medidas para reducir o seu impacto en Galicia, sempre en beneficio de traballadores e empresas.

Loading...