O DOG vén de publicar a convocatoria para que asociacións de persoas consumidoras poidan financiar accións arredor da subministración de enerxía, comercio electrónico seguro, intelixencia artificial, vivenda e servizos financeiros

As axudas (abertas do 13 de setembro ao 13 de outubro) van dirixidas a actividades de sensiblización, formación e divulgación realizadas por entidades inscritas na sección xeral do Rexistro de Organizacións de Consumidores e Usuarios de Galicia

Mentres, do 11 de setembro ao 11 de outubro poderán solicitarse as achegas para a organización de congresos internacionais e encontros en materia de consumo

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución de axudas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para que as asociacións de persoas consumidoras inscritas na sección xeral do Rexistro de Organización e Consumidores e Usuarios de Galicia poñan en marcha actividades de sensibilización, formación e divulgación en materia de subministración de enerxía, comercio electrónico seguro, intelixencia artificial, vivenda e servizos financeiros. O prazo de solicitude arrancará o próximo 13 de setembro e prolongarase deica o 13 de outubro.

Cun orzamento total de 24.000 euros, o obxectivo é apoiar a realización de actividades formativas nestas áreas co obxecto de garantir a descentralización e desconcentración da acción divulgativa en materia de consumo, chegando a todos os puntos do territorio autonómico coa colaboración das entidades asociativas.

A través das convocatorias poderase financiar ata un 100 % dos gastos, non podendo superar cada actividade formativa individual a contía de 200 euros (IVE incluído). Mentres, o total da axuda para a entidade correspondente non poderá superar os 4.800 euros (IVE incluído), correspondente a un total máximo de 24 actividades.

Para cobrar as axudas concedidas, xunto coa documentación solicitada na resolución, as entidades beneficiarias deberán emitir xustificación das persoas asistentes ás actividades, así como achegar unha reportaxe fotográfica e unha memoria final de avaliación.

Axudas para a celebración de congresos

Mentres, o próximo 11 de setembro abrirá o prazo para que as asociacións de persoas consumidoras poidan sufragar a organización de congresos internacionais e encontros en materia de consumo de carácter presencial na nosa comunidade, cun orzamento total dispoñible de 35.000 euros.

As axudas poderán financiar ata o 80 % dos gastos obxecto de financiamento, non podendo superar, en calquera caso, a contía de 18.000 euros (IVE incluído) para o caso de congresos internacionais e de 5.000 euros (IVE incluído) no caso de encontros.

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia

Con estas axudas, a Xunta de Galicia potencia o papel divulgador do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), que no pasado ano formou unhas 20.000 persoas a través da Escola Galega de Consumo.

De forma complementaria, para calquera dúbida concreta en materia de consumo, a cidadanía ten á súa disposición o Instituto tanto a través das súas oficinas de atención presencial nas sete principais cidades galegas como mediante o teléfono gratuíto 900 23 11 23, que funciona de 9,00 a 14,00 horas e de 17,00 a 19,00 horas de luns a venres para ofrecer información e asesoramento.

 

Loading...