A provincia de Pontevedra contou con 20 obradoiros duais de emprego que formaron a preto de 400 persoas desempregadas grazas a un orzamento de máis de 8 millóns de euros

Os participantes realizaron prácticas remuneradas que reverteron a favor do seu concello

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá na clausura do obradoiro de emprego dual Manuel B. Portela X, no concello da Guarda.

Trátase dun obradoiro que formou a 20 persoas desempregadas na especialidade de albanelería. Este obradoiro, que tivo unha duración aproximada de nove meses, foi posible grazas a un investimento da Xunta de preto de 420.000 euros. Así, o alumnado recibiu a formación necesaria para poder desenvolverse na súa área, ademais de contar con prácticas remuneradas durante toda a duración do curso. Ademais, estas prácticas reverteron a favor do seu concello, xa que os participantes traballaron na remodelación e adaptación do edificio do antigo concello que acollerá a nova biblioteca municipal.

Cabe destacar que a provincia de Pontevedra contou nesta convocatoria con 20 obradoiros deste tipo que formaron a case 400 alumnos e alumnas grazas a un investimento total de máis de 8 millóns de euros. Na comarca do Baixo Miño, tamén se levou a cabo un obradoiro dual de emprego no concello do Rosal.

O delegado territorial felicitou a todos os participantes e entregou os diplomas que acreditan as súas novas habilidades, ademais lembrou que “a mellor política social que se pode levar a cabo é a política de emprego”. Cabe destacar que cinco dos alumnos conseguiron un emprego antes incluso de rematar a súa formación.

Loading...