A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, coñeceu de primeira man esta iniciativa da granxa Casa Eiras, que aposta pola diversificación da produción láctea mediante a elaboración de xeados artesanais
Desde a súa posta en marcha no 2023 o Polo de Melide leva asesorados máis de 260 proxectos, destacando que preto do 60% dos emprendedores usuarios son mulleres
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitou esta mañá a granxa Casa Eiras, situada no concello do Pino, para coñecer de preto un proxecto pioneiro de emprendemento no rural que ten como obxectivo transformar e diversificar a produción láctea tradicional. Contando co apoio do Polo de Emprendemento de Melide, a explotación está a dar os primeiros pasos para poñer en marcha un obradoiro de xeados artesanais, elaborados co leite das súas propias vacas.
Esta iniciativa forma parte das accións destinadas a fomentar a diversificación e posta en valor do sector primario mediante a transformación e comercialización de produtos con maior valor engadido, un ámbito no que a Rede de Polos de Emprendemento desempeña un papel clave. Con este tipo de proxectos, búscase reforzar e consolidar esta Rede pública, creada en xullo de 2022 e que hoxe conta con 15 oficinas repartidas por todo o territorio galego para ofrecer un servizo gratuíto de acompañamento e asesoramento personalizado. A súa atención está dirixida tanto a persoas que están a valorar a posibilidade de poñer en marcha unha iniciativa empresarial como a aquelas que xa comezaron a súa actividade e queren fortalecela. A Rede presta especial atención ao medio rural, co obxectivo de reactivar a economía local e favorecer a fixación de poboación.
Neste marco, o Polo de Melide salienta polo seu compromiso coa dinamización económica da comarca. Dende a súa posta en marcha en 2023, ten ofrecido asesoramento a máis de 260 iniciativas empresariais e promoveu arredor de 95 actuacións, entre encontros con axentes locais, accións formativas e eventos organizados no seo da propia rede. É especialmente destacable a elevada implicación das mulleres no proceso emprendedor, representando preto do 60% das persoas que reciben apoio a través deste servizo.