O delegado territorial destacou que na provincia de Ourense resultaron beneficiadas 30 emprendedoras, que cun investimento de 375.000 euros, crearon un total de 52 postos de traballo indefinidos, 32 por conta propia e 20 por conta allea
A nova convocatoria do programa Emega para este ano está dotada cun orzamento de máis de 5 millóns de euros, e poderán solicitarse ata o 14 de agosto
Manuel Pardo subliñou que o obxectivo da Xunta con esta orde de achegas é ofrecer o maior volume de recursos para favorecer a iniciativa empresarial das mulleres e brindarlles maiores oportunidades para diminuír as fendas de xénero
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá na cidade de Ourense a farmacia Universal Roig Soler, beneficiario do programa Emega de emprendemento feminino, que recibiu da Consellería de Política Social e Igualdade unha achega de 17.000 euros destinados á creación dun novo posto de traballo por conta propia e tres indefinidos por conta allea.
Durante a súa estadía no local, o delegado territorial lembrou que a Xunta ten aberta unha nova convocatoria de axudas deste programa ata o próximo 14 de agosto, cun orzamento que supera os cinco millóns de euros. Neste sentido, Manuel Pardo subliñou que o obxectivo da Xunta con esta orde de achegas , é ofrecer o maior volume de recursos para favorecer a iniciativa empresarial das mulleres e brindarlles maiores oportunidades para diminuír as fendas de xénero. Así mesmo prevese financiar máis de 350 proxectos e crear arredor de 800 empregos.
Manuel Pardo destacou que na provincia de Ourense resultaron beneficiadas na última edición destas achegas 30 emprendedoras, que cun investimento de 375.000 euros, crearon un total de 52 postos de traballo indefinidos, 32 por conta propia e 20 por conta allea. “Apoiar o empoderamento económico e social das mulleres -resaltou o delegado territorial- fomentando o emprego feminino liderado por elas mesmas é un dos piares irrenunciables sobre os que se asenta a actuación da Xunta, no marco da igualdade de oportunidades”. Por iso, “debemos seguir a incidir no deseño actuacións específicas que promovan a formación e a ocupación de mulleres, potenciando o seu liderado e iniciativa empresarial”; sentenciou.
O programa Emega
O representante do Goberno galego explicou que o programa Emega comprende axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.
Tamén detallou que a convocatoria deste ano ten catro modalidades de axuda. A primeira delas é Emega Emerxe, con contías de ata 22.000 euros, para apoiar novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea. A segunda, Emega Impulsa, con ata 17.000 euros de subvención, para favorecer a reactivación e a consolidación de empresas constituídas por mulleres, así como a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade. E a terceira modalidade de achega é Emega Innova, con contías de ata 42.000 euros, para o desenvolvemento de iniciativas empresariais con contido científico ou con base tecnolóxica.
Por último, e co obxectivo de favorecer a conciliación, conta cunha axuda complementaria ás tres anteriores, Emega Concilia. Con esta modalidade, cunha contía máxima de 5.000 euros, preténdese dar pasos adiante na conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral tanto das mulleres promotoras da iniciativa empresarial como das traballadoras por conta allea. Esta orde de axudas está cofinanciada nun 60% pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027.
As novidades
Manuel Pardo subliñou que a principal novidade desta orde é o reforzo de criterios específicos para a concesión das achegas, co obxectivo de prestar un maior apoio a mulleres maiores de 55 anos, a propostas de emprendemento no rural e en sectores masculinizados, así como favorecer a realización de proxectos colaborativos. Ademais, os Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego converteranse en aliados estratéxicos da iniciativa, especialmente nas áreas rurais, co desenvolvemento dun programa de formación específica para as beneficiarias.