José González salientou a relevancia deste evento organizado polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas co obxectivo de promocionar o viño albariño entre profesionais e público especializado
Puxo de manifesto a súa importancia como motor económico, social e territorial, salientando especialmente o papel do cooperativismo vitivinícola, que conta cunha sólida traxectoria e gran potencial de futuro
Subliñou o apoio do Goberno autonómico a estas fórmulas de negocio, un esforzo canalizado a través da Estratexia galega de economía social, coa que se aspira crear 4.000 novos empregos, e a futura aprobación da nova Lei de Cooperativas de Galicia
Así mesmo destacou a actividade da Rede de Polos no pulo ao emprendemento local, con oficinas como a de Vilanova de Arousa, que xa leva atendidos 175 proxectos dende a súa posta en marcha
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González participou hoxe na inauguración do Túnel do Viño de Cambados, un evento organizado polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas no marco da 73ª edición da Festa do Albariño, co obxectivo de promocionar o viño albariño entre profesionais e público especializado.
Durante o acto —no que tamén participou o alcalde de Cambados, Samuel Lago— o conselleiro destacou o apoio da Xunta ao sector vitivinícola galego, salientando a calidade dos seus produtos e o seu papel como motor económico, social e territorial, especialmente nas zonas rurais. Subliñou que se trata dun sector estratéxico, con capacidade para xerar emprego, fixar poboación e preservar a identidade local, aproveitando os recursos propios.
Neste sentido, sinalou que o viño albariño representa un modelo paradigmático de emprendemento vinculado ao territorio, baseado na innovación, na profesionalización e nun forte vencello local con proxección internacional. Tamén puxo en valor o papel das fórmulas cooperativas e da economía social, especialmente relevantes neste sector.
A este respecto, González lembrou que a Xunta ten en marcha a Estratexia Galega de Economía Social Horizonte 2027, coa que se aspira a crear 4.000 novos empregos e 400 novas entidades, moitas delas no ámbito agroalimentario, onde o cooperativismo vitivinícola conta cunha sólida traxectoria e un gran potencial de futuro. Ademais, destacou que a facturación global das cooperativas galegas superou os 3.500 millóns de euros en 2024, dando mostra da súa capacidade de contribuír ao desenvolvemento económico da Comunidade.
Neste contexto, indicou que un dos obxectivos prioritarios do Goberno galego para este ano 2025 é a aprobación dunha nova Lei de Cooperativas de Galicia. O anteproxecto atópase xa en redacción co obxectivo de adaptar a normativa á realidade actual, facilitar a creación de novas cooperativas e reforzar o tecido xa existente.
Impulso ao emprendemento
Así mesmo, o conselleiro puxo en valor a actividade da Rede de Polos de emprendemento e apoio ao emprego, que conta con 15 oficinas distribuídas por toda Galicia —tres delas na provincia de Pontevedra— e que ofrece formación, acompañamento e asesoramento personalizado para o desenvolvemento de proxectos emprendedores, especialmente aqueles ligados ao territorio como pode ser o do viño. Nesta área de influencia, fixo fincapé na traxectoria do Polo de Vilanova de Arousa, o último en incorporarse á rede, que xa leva atendidos 175 proxectos empresariais dende a súa posta en marcha.