O delegado territorial participou na entrega de diplomas e felicitou a todos os titulados

A Xunta inviste preto de 23,8 millóns de euros nos cursos AFD da provincia de Pontevedra

Na área de influencia de Pontevedra impartiranse preto de 90 accións formativas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá no acto de clausura do curso AFD de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais que impartiu a empresa Magnafor Qualitas no concello de Cerdedo-Cotobade grazas a unha achega da Xunta de máis de 45.000 euros.

Antes do acto, o delegado falou cos responsables do curso que lle trasladaron a súa satisfacción con esta promoción que, grazas ao seu traballo e responsabilidade, está a chamar a atención de varias empresas. Tanto é así que dos 15 alumnos e alumnas que participaron na acción formativa, seis deles xa acadaron un posto de traballo relacionado coa súa formación.

Cabe destacar que na provincia de Pontevedra foron aceptadas preto de 500 accións formativas, das cales preto de 90 tiveron lugar nos concellos da área de influencia de Pontevedra. Estes cursos contan cun orzamento de máis 4 millóns de euros, dos preto de 23,8 millóns de euros que a Xunta investirá no total da provincia.

O delegado aproveitou a súa intervención para lembrar a importancia de seguir apostando pola política de emprego que “é a mellor política social que se pode facer” e felicitou a todos os titulados polo seu compromiso, responsabilidade e esforzo durante o curso: “Este tipo de iniciativas só teñen sentido se as persoas se involucran e aproveitan os recursos que dende a administración se poñen ao seu alcance. Está claro, que neste caso os recursos foron moi ben aproveitados”, rematou.

A comarca

O concello de Pontevedra é o que acumula máis oferta formativa AFD de toda a súa comarca, cun total de 46 cursos distintos e un orzamento de case 2 millóns de euros. Pola súa banda, en Barro e Ponte Caldelas foron concedidas 14 accións formativas respectivamente. En Marín impartíronse 11 cursos, mentres que o concello de Bueu contou con catro AFD. Por último, en Poio e Cerdedo-Cotobade impartíronse dous e un cursos AFD respectivamente.

Loading...