A provincia de Pontevedra conta con 20 obradoiros duais de emprego que forman a preto de 400 persoas desempregadas e que contan cun orzamento de máis de 8 millóns de euros
Reguera lembrou o éxito que demostraron ter este tipo de obradoiros duais nas edicións pasadas
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o Obradoiro de Emprego ‘Cambados rutas de sendeirismo III’, no concello de Cambados.
Trátase dun obradoiro que formará a 20 persoas desempregadas nas especialidades de albanelería e carpintería de madeira. Este obradoiro, que ten unha duración aproximada nove meses, é posible grazas a un investimento da Xunta de preto de 412.000 euros. Así, o alumnado recibirá a formación necesaria para poder desenvolverse nas súas respectivas áreas, ademais de contar con prácticas remuneradas durante toda a duración do curso. Ademais, estas prácticas reverterán a favor do seu concello, xa que os participantes realizarán traballos dentro do seu municipio.
Cabe destacar que a provincia de Pontevedra conta con vinte obradoiros deste tipo que forman a case 400 alumnos e alumnas e que contan cun orzamento total de máis de 8 millóns de euros. Na comarca do Salnés, tamén se está a levar a cabo un obradoiro dual de emprego nos concello da Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa, ademais do que se realiza na Mancomunidade do Salnés.
O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar os bos resultados das edicións pasadas deste obradoiro que “conseguiu que boa parte dos seus participantes lograsen entrar no mercado laboral, algúns deles incluso antes de rematar a súa formación”.
Reguera rematou a visita desexando sorte ao alumnado destacando o compromiso da Xunta coas políticas de emprego: “a mellor política social é a política de emprego”, concluíu.