A delegada territorial da Xunta de Galicia visitou o Hotel Tres Luces, beneficiario das achegas para cursos relacionados coa innovación e atención ao cliente

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este venres o Hotel Tres Luces, ubicado na cidade e beneficiario do Bono Talento Empresa na convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia de 25 de xuño de 2024 para as anualidades 2024 e 2025. Con estas achegas, cofinanciadas pola Unión Europea a través do Programa FSE+ de Galicia 2021-2027, o Goberno galego financia formacións non regradas de curta duración, axustadas ás necesidades particulares de cada empresa e buscando reforzar as competencias e habilidades das persoas traballadoras nos ámbitos dixital, industrial, de xestión, de servizos persoais e a clientes.

No caso do Hotel Tres Luces, o Goberno galego apoiou cursos relacionados coa innovación e atención ao cliente na hostalería. Ao abeiro da convocatoria do ano pasado beneficiáronse desta iniciativa na provincia de Pontevedra un total de 56 empresas de 14 concellos distintos, por un importe total de máis de 640.000 euros. Neste sentido, a delegada territorial puxo de relevo o valor deste tipo de apoios para contribuír á competitividade do tecido empresarial galego neste contexto de rápidos cambios tecnolóxicos e organizativos.

Loading...