O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de 2025 destas achegas coa que o Executivo galego busca favorecer a empregabilidade de máis de 7.000 persoas con discapacidade e de 170 en risco de exclusión social
As achegas aos CEE, de 27M€, permitirán o mantemento do custo salarial de máis de 6.000 persoas con discapacidade e a contratación de 130 profesionais para as unidades de apoio, que prestarán atención a arredor de 900 persoas con especiais dificultades
Ademais, prevese a creación de 300 novos postos de traballo indefinidos, con achegas que poden chegar ata os 25.000 euros, e contémplanse axudas para a adaptación dos postos e a eliminación de barreiras arquitectónicas
En canto ás empresas de inserción, a Xunta destina 1,5M€ para apoiar a contratación de 170 persoas en situación ou risco de exclusión social, que recibirán formación e emprego durante un máximo de tres anos
Tamén se prevén incentivos para favorecer a creación de empresas de inserción, axudar na xestión e dirección das novas entidades e contratar persoal técnico en orientación, financiando así outros 10 postos de traballo
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de 2025 da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que unifica por primeira vez as ordes de apoios para promover a integración laboral das persoas con discapacidade nos 136 centros especiais de emprego (CEE) inscritos no Rexistro Administrativo da Comunidade Autónoma, así como a inserción laboral das persoas en situación ou risco de exclusión social mediante medidas de fomento do emprego dirixidas ás empresas de inserción laboral.
Esta convocatoria está dotada cun orzamento global de máis de 28,5 millóns de euros —un 5 % máis que a dotación inicial do pasado ano— e con ela o Goberno galego prevé beneficiar máis de 7.000 persoas traballadoras con discapacidade e crear 300 novos postos de traballo indefinido nos CEE. Ademais, as axudas ás empresas de inserción permitirán a contratación de 170 persoas desempregadas en risco de exclusión e doutras 10 de nivel técnico ou de dirección.
Deste xeito, a Xunta avanza na mellora da empregabilidade dos colectivos con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral, impulsando tanto a súa integración profesional como a súa inclusión social. Ao mesmo tempo, refórzase o papel das entidades da economía social como axentes clave para o desenvolvemento dun modelo máis xusto, inclusivo e sostible, recoñecendo o labor fundamental dos centros especiais de emprego e das empresas de inserción na creación de oportunidades reais para as persoas que máis o precisan. O prazo de presentación de solicitudes é desde o 30 de maio ata o 30 de xuño no caso dos CEE e desde o 30 de maio ata o 30 de setembro de 2025 para as empresas de inserción.
Centros especiais de emprego
Cun orzamento de máis de 27M€ e cun período subvencionable que vai desde o 1 decembro de 2024 ata o 30 de setembro de 2025, con carácter xeral, a orde recolle tres programas de apoio específicos para os centros especiais de emprego. O que conta con máis orzamento (24,4M€) destínase a manter os custos salariais e os empregos das persoas traballadoras con discapacidade, cunha intensidade da axuda equivalente a entre o 50 e o 65 % do SMI e co que se prevé beneficiar máis de 6.000 persoas con discapacidade.
Por outra banda, preto de 1,6M€ serán para financiar os custos salariais da contratación indefinida do persoal das unidades que prestan apoio ás persoas con discapacidade con especiais dificultades de inserción laboral, estimando beneficiar arredor de 130 profesionais que atenderán unhas 900 persoas. Por último, distribuirase máis de 1M€ en achegas para dar estabilidade aos postos de traballo mediante a contratación indefinida, con incentivos que poden chegar aos 25.000€ por posto creado a xornada completa; para a adaptación de postos de traballo ás condicións das persoas e a eliminación de barreiras, cunha contía de 1.800€ por posto adaptado; e para financiar aspectos relacionados coa creación, mantemento ou mellora dos CEE, como a contratación de persoal de dirección, certificacións de calidade, elaboración de estudos, etc., cun límite de 15.000€ por CEE.
Empresas de inserción laboral
No caso das empresas de inserción —cun orzamento total de 1,5M€—, a Xunta destina máis de 1,3M€ a apoiar a contratación de persoas en situación ou risco de exclusión social nestas entidades, que recibirán formación e emprego durante un máximo de tres anos, prevendo mellorar as oportunidades dunhas 170 persoas e facilitar o seu camiño de acceso ao mercado laboral ordinario. Como requisito, as empresas solicitantes deberán ocupar o seu cadro de persoal con cando menos o 30 % de persoas en situación ou risco de exclusión social. Ademais, resérvanse 145.000€ para favorecer a creación de empresas de inserción, axudar na xestión e dirección das novas entidades e financiar as persoas técnicas en orientación que apoien as persoas traballadoras en situación de exclusión social, financiando así outros 10 postos de traballo.