A entidade foi un dos clústeres participantes nesta acción pioneira encadrada no progama Retorna Cualifica Emprego, á que asistiron 3.500 persoas e que xa está a dar os primeiros froitos, con 56 persoas contratadas e máis de 400 en procesos selectivos

Ademais, grazas ao convenio asinado entre a Xunta e Cluergal para a posta en marcha de accións formativas deseñadas polo sector, máis de 1.230 persoas formáronse este ano en eidos como as enerxías do mar, a eólica ou a solar térmica, entre outras

José González salientou que este sector non só é clave para a transición ecolóxica e a sustentabilidade ambiental, senón que tamén se está a consolidar como un motor estratéxico de desenvolvemento e xeración de emprego de calidade

Sinalou que é fundamental o traballo conxunto para afrontar retos estruturais como a cobertura de vacantes, o absentismo laboral, a demanda de perfís especializados ou a necesidade de recualificación constante ante a velocidade dos avances tecnolóxicos

Estas medidas englóbanse na folla de ruta que impulsa a Xunta para reforzar o tecido laboral galego, incrementando as oportunidades da poboación activa e favorecendo en paralelo unha migración aliñada coas necesidades das empresas

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe nun encontro coas empresas e entidades adheridas ao Clúster das Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal). Durante a súa intervención, destacou a importancia da colaboración público-privada como ferramenta clave para impulsar a retención e atracción de talento, en consonancia coas necesidades dos sectores estratéxicos. Neste sentido, salientou a participación de Cluergal nas recentes feiras de emprego celebradas na Arxentina e no Uruguai co obxectivo de captar talento do exterior para cubrir vacantes -e que xa a está a dar os primeiros froitos, con 56 persoas contratadas e máis de 400 en procesos selectivos-. Xa no mercado interno, puxo en valor o convenio asinado coa entidade para desenvolver accións formativas adaptadas á demanda do sector, un ferramenta crucial para incrementar as oportunidades laborais das persoas dessempregadas e recualificar á poboación ocupada.

José González puxo en valor que as enerxías renovables non son só clave para a transición ecolóxica e a sustentabilidade ambiental, senón que tamén se están a consolidar como un motor estratéxico de desenvolvemento e xeración de emprego de calidade. Por iso, sinalou que é fundamental afrontar retos compartidos con outros sectores, como a cobertura de vacantes, o absentismo laboral, a demanda de perfís técnicos especializados ou a necesidade constante de actualización de coñecementos ante a innovación tecnolóxica. Así, remarcou a importancia do traballo conxunto con Cluergal, clave para poder responder ás necesidades de crecemento presentes e futuras do sector, apuntalando o talento como unha das fortalezas centrais do seu desenvolvemento.

Pola súa banda, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, que participou na inauguración da xornada, insistiu na importancia do almacenamento enerxético e na necesidade de abordar un reforzo da rede de transporte e distribución. Trátase de fomentar a penetración de renovables no mix enerxético e acompasalo coas necesidades de demanda.

Convenios formativos cos clústeres estratéxicos

O conselleiro destacou que Galicia está a realizar un esforzo sen precedentes para flexibilizar a formación para o emprego co obxectivo de dar resposta ás necesidades das empresas galegas e reforzar as competencias da poboación activa. Neste contexto, subliñou os convenios cos principais clústeres galegos —entre eles Cluergal— para desenvolver formacións específicas e de curta duración deseñadas polos propios sectores, segundo a súa demanda. Unha iniciativa que, na súa última edición, contou cun investimento superior aos 7,5 millóns de euros para a posta en marcha de máis de medio cento de accións formativas. No caso concreto de Cluergal, só en 2025 permitiron beneficiar máis de 1.230 persoas, tanto ocupadas como desempregadas, en áreas clave como a eficiencia enerxética, as enerxías do mar, eólica ou solar térmica, ou o mantemento de vehículos híbricos e eléctricos, entre outras. Estas medidas reforzaranse co impulso do futuro decreto de microcredenciais para o traballo, que permitirá consolidar este modelo formativo, e compleméntase con outras xa en marcha para mellorar a conexión entre a oferta e a demanda de emprego, como a implantación da ferramenta EMi no SPEG, que xa permitiu o perfilado competencial de 54.300 persoas.

Colaboración no programa de atracción de talento

José González puxo en valor as feiras de emprego celebradas en marzo na Arxentina e no Uruguai, unha acción pioneira enmarcada no programa Retorna Cualifica Emprego, que reuniu máis de 3.500 asistentes. A través deste programa, búscase facilitar o regreso de galegos e galegas do exterior para cubrir vacantes e contribuír a mellorar a competitividade do tecido produtivo. Ao mesmo tempo, explicou que Galicia está a avanzar en liñas dirixidas a traballadores de terceiros países, como o acordo asinado con Colombia, Honduras, Ecuador e Paraguai para promover unha migración ordenada e coas máximas garantías, tanto para os traballadores como para as empresas.

Loading...