Na xuntanza cos representantes diplomáticos de España en México ambas partes analizaron posibles iniciativas conxuntas para fomentar o investimento e a colaboración máis estreita a prol da atención dos galegos en México.
José González salientou o labor clave da embaixada de España en México e da diplomacia española en xeral na atención e protección da diáspora galega, un traballo que realiza da man do Goberno galego.
No encontro con empresarios galegos, o conselleiro puxo de relevo as oportunidades de investimento en Galicia en sectores estratéxicos como a tecnoloxía, a enerxía e a agroindustria, entre outros.
Tamén trasladou aos empresarios galegos o interese do Executivo autonómico en colaborar para difundir e potenciar neste país o selo Artesanía de Galicia e, no eido da hostalaría e restauración, destacou o proxecto Artesanía no prato.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, reuniuse co embaixador de España en México, Juan Duarte Cuadrado e outros representantes da embaixada para reforzar as canles de colaboración existentes entre ambas partes a prol do apoio ás persoas galegas residentes en México. Posteriormente, o conselleiro e o secretario xeral da Emigración, participaron nun encontro empresarial coa Unión Mexicana de Empresarios Galegos (Umegal) para poñer en valor o importante papel do tecido empresarial galego no exterior.
A reunión co embaixador, enmárcase no contacto que mantén o Goberno galego con estas institucións para a coordinación de esforzos no impulso de programas de retorno e da difusión das oportunidades laborais de Galicia, entre outros aspectos. Nela, ambas partes analizaron posibles iniciativas conxuntas para fomentar o investimento e a colaboración máis estreita a prol da atención dos galegos en México ao tempo que se promove a proxección internacional da cultura e economía galegas. Deste xeito, búscase novas fórmulas de cooperación que beneficien aos galegas e galegas do exterior.
Neste sentido, o conselleiro salientou o labor clave da embaixada de España en México e da diplomacia española en xeral na atención e protección da diáspora galega e neste caso concreto nos máis de 15.500 galegos residentes en México. Un labor, subliñou, que realiza da man do Goberno galego e ao que Galicia ofrece a súa experiencia como terra de oportunidades co fin de ser parte activa na conexión entre Europa e Hispanoamérica a través de México.
Un exemplo do que representa a comunidade galega como oportunidade, son os resultados da primeira edición da Estratexia Galicia Retorna, desenvolvida entre 2018 e 2022 e que supuxo a volta de 28.000 galegos procedentes de máis de 40 países.
Encontro con empresarios galegos
En canto ao encontro con empresarios galegos, nel o conselleiro puxo de relevo as oportunidades de investimento en Galicia en sectores estratéxicos como a tecnoloxía, a enerxía e a agroindustria, entre outros. Tamén fixo fincapé nas axudas da Administración galega para facilitar o emprendemento e a actividade profesional en Galicia das persoas retornadas, a través da Estratexia Galicia Retorna, así como no apoio á expansión de negocios galegos no exterior e á súa internacionalización.
Durante o encontro, cunha ampla presenza de empresarios vencellados ao ámbito da hostalería e da restauración, José González salientou a forte presenza dos empresarios galegos en México e a grande oportunidade que representan para difundir a marca Galicia. Nesta liña, trasladou o interese do Goberno galego en colaborar para difundir e potenciar neste país o selo Artesanía de Galicia e o produto artesán galego.
No eido da hostalaría e restauración, destacou o proxecto Artesanía no prato, que marida artesanía e gastronomía ofrecendo unha imaxe contemporánea de Galicia. Unha fusión, subliñou o conselleiro, que reforza a visibilidade e posicionamento de ambos sectores e na que a artesanía ofrece a gastronomía soportes para fortalecela sobre pezas de deseños especiais. Ademais, expuxo que é un exemplo de colaboración público-privada para impulsar proxectos que redunden no desenvolvemento económico e en alianzas entre Galicia e México.