O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, destacou na súa intervención as bolsas BEME, as de Talento FP e o programa Retorna Cualifica Emprego

O director de Turismo de Galicia salientou as oportunidades profesionais que ofrecen os estudos do Centro Superior de Hostalería de Galicia e os altos índices de inserción laboral en establecementos de prestixio de todo o mundo

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, xunto cunha delegación do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG), ofreceron unha sesión informativa no Centro Gallego de Ciudad de México ante un cento de persoas sobre as axudas e facilidades para o retorno a Galicia. Neste encontro, explicáronse as oportunidades que ofrece a Xunta de Galicia para os galegos do exterior que desexan regresar, destacando os programas de apoio ás familias, as bolsas de estudo e, en particular, os mecanismos de acceso ao emprego.

Entre as iniciativas máis relevantes que se abordaron na sesión destacou o programa Retorna Cualifica Emprego, que permite aos galegos do exterior volver á Comunidade cun contrato de traballo asinado desde o seu lugar de orixe. Este programa pioneiro busca casar as necesidades laborais das persoas retornadas coas vacantes dispoñibles en empresas galegas, facilitando as condicións para unha integración estable no mercado laboral galego.

Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles referiuse ao Centro Superior de Turismo de Galicia como referente na formación de profesionais do ámbito turístico. Concretamente referiuse á súa oferta académica, o Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras, incluído na oferta de estudos da Universidade de Santiago de Compostela, e ao Curso Superior de Chef en Cociña e Pastelaría, así como aos programas de formación continua deseñados para actualizar e especializar profesionais en activo.

Xosé Merelles salientou ademais que o CSHG ten unha liña de 22 bolsas dirixidas especificamente a galegos residentes no exterior, das que 12 son para cursar o Curso Superior de Chef en Cociña e Pastelaría e outras 10 para o Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras. O director de Turismo de Galicia referiuse aos altos índices de inserción laboral dos titulados no centro así como “o coñecemento, a competencia e profesionalidade adquirida nesta formación que os fai atractivos para as cadeas e establecementos hostaleiros máis prestixiosos do mundo”. Na xornada tamén participou o director do CSHG, Jose Paz, que explicou os detalles da proposta académica do centro.

Reunión directiva Centro Gallego de México

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo unha reunión coa directiva e o presidente do Centro Gallego de México, durante a visita que realizaron á capital do país, e na que estivo acompañado polo director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles. Durante o encontro, analizáronse as diversas actividades e proxectos que o centro galego da Cidade de México está xa a pechar de cara a este ano, así como a situación da colectividade galega no país norteamericano. Miranda agradeceu ao presidente e ao equipo directivo do centro gallego de México o impulso decidido á cultura galega e ser un elemento fundamental de cohesión da comunidade galega

O Centro Gallego de México Asociación Civil comezou a súa andadura en 1911 e con esforzo e constancia no traballo para manter os lazos coa súa terra foise convertendo no indiscutible referente das asociacións españolas presentes no país azteca e hoxe conta cunha masa asociativa de preto de 1.500 familias. Segundo datos do INE residen en México 15.517 galegos espallados maioritariamente en México D.F.

16.000 galegos residentes en México

México é o sétimo país en América con maior número de cidadáns galegos residentes na actualidade, cunha cifra que se aproxima aos 16.000. Por este motivo, a Xunta de Galicia mantén un compromiso constante para facilitar o retorno daquelas persoas que desexan volver e establecerse de novo na súa terra de orixe.

Tal e como sinalou Antonio Rodríguez Miranda, este tipo de accións divulgativas foron fundamentais para informar de primeira man á colectividade galega no exterior sobre as posibilidades reais que existen para o seu regreso. A Xunta destinou un investimento destacado ao ámbito laboral dentro da Estratexia Galicia Retorna, con 175 millóns de euros destinados a 37 medidas vinculadas á formación e inserción profesional das persoas retornadas.

Ademais da explicación das medidas dispoñibles, a sesión foi unha oportunidade para resolver dúbidas e recibir información directa sobre os mecanismos de apoio existentes, garantindo que os galegos do exterior coñecesen todas as posibilidades dispoñibles para facer realidade o seu regreso a Galicia.

Loading...