A delegada da Xunta visitou o taller de formación centrado en conservación e mellora de montes e en carpintaría e moble

A representante do Goberno autonómico animou aos 20 alumnos participantes a aproveitar este obradoiro xa que adaptan a oferta formativa ás demandas e necesidades de contratación da zona

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polos alcaldes de Porto do Son, Luis Oujo e de Ribeira, Luis Antonio Pérez, e polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, visitou o obradoiro de emprego Tahume X, de Ribeira e Porto do Son, centrado en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e en traballos de carpintaría e moble. A delegada destacou que na edición deste obradoiro en 24-25, xunta coa edición deste mesmo taller o ano pasado 23-24, a Xunta investiu case un millón de euros.

A delegada destacou que este taller de emprego ten unha duración de 9 meses, grazas a un investimento da Xunta de case 412.000 euros e no que os 20 alumnas e alumnos realizarán intervencións de interese público nestes dous concellos.

A representante do Goberno autonómico puxo en valor as actuacións que realizarán os alumnos na parte práctica destes cursos. Concretamente, no concello de Porto do Son levarán a cabo melloras das masas arbóreas en Miñortos, nos lugares de Trapa e Coira en Goiáns, nos lugares de Arnela e de Castro en Baroña, no lugar de Xan Pasal en Queiruga, no lugar da Madalena en Ribasieira e no lugar de Ponte Medieval en Xuño. Ademais realizarán o mantemento das pasarelas de madeira na praia de Coira en Portosín, a reparación do peche de madeira do parque infantil da Casa de Cultura de Caamaño e a instalación dun peche no parque infantil de Nebra.

No Concello de Ribeira as intervencións das alumnas e os alumnos serán a construción dunha pasarela de madeira no campo de fútbol de Carreiro, a renovación dos accesos á pasarela da praia do Castro en Areeiros, a reconstrución de pontes no río Listres, a restauración de bancos de madeira na praia de Castro e actividades de conservación e mellora do monte de San Roque e río Pedrín.

Belén do Campo destacou que “os obradoiros de emprego permiten dotar a nosa poboación activa de formación de calidade ao tempo que desenvolven un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade”. “O obxectivo –incidiu– é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, adaptando a oferta formativa ás demandas e necesidades de contratación da zona”. Neste senso, animou a todos os participantes a aproveitar a formación que van a recibir para buscar traballo e incluso para iniciar o seu propio negocio “porque cando rematedes estes 9 meses estaredes preparados para traballar nuns sectores que precisan, nestes momentos, de profesionais cualificados”, subliñou.

Nos obradoiros de emprego a Xunta de Galicia encárgase de financiar a formación profesional para o emprego (medios, materiais, contratación de persoal…), así como os custos salariais derivados dos contratos de traballo subscritos co alumnado.

Obradoiros 24-25

A representante do Goberno autonómico informou que a comarca do Barbanza conta, nesta convocatoria 24-25, con 3 obradoiros duais grazas a un apoio da Xunta de máis de 1,2 millóns de euros para formar a 60 alumnas e alumnos. O organizado por Ribeira con Porto do Son, o de Noia e Lousame e o de Boiro.

Na provincia da Coruña están aprobados 23 obradoiros de emprego duais, grazas a un investimento de máis de 9 millóns de euros para formar 440 persoas sen traballo.

Finalmente, Belén do Campo subliñou que en toda Galicia os obradoiros de emprego duais supoñen un investimento por un importe de máis de 36 millóns de euros para un total de 87 accións deste tipo coas que se prevé beneficiar a máis de 1.700 desempregados.

Loading...