O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, reuniuse co presidente da Asociación Agraria de Galicia (Asaga), Francisco Bello, co obxectivo de avanzar en diferentes vías de colaboración en materia de empregabilidade para o sector.

Na xuntanza, abordáronse asuntos como a importancia de fortalecer a capacitación en competencias laborais prácticas destinadas a persoas interesadas en manexo gandeiro, cultivos agrícolas, silvicultura, maquinaria forestal e distintos labores na industria agroalimentaria. Tamén se puxeron en valor accións impulsadas pola Consellería de Emprego no eido de captación de talento exterior en liña coas necesidades de sectores produtivos coma o primario —con foco nos galegos e galegas retornados— e a integración de inmigrantes en situación irregular por vía das microformacións do Programa Arraigo. Dentro do ámbito do comercio, exploráronse posibilidades de dinamización destinadas a fomentar a comercialización dos produtos agroalimentarios galegos.

Loading...