O expediente, motivado por unha sanción da Inspección de Traballo e Seguridade Social, atópase nunha fase inicial e non establece medidas que aboquen ao seu peche
A Xunta recoñece a traxectoria de Sargadelos como referente industrial e cultural e confía en que, co esforzo de todas as partes, se atopen vías que permitan a súa continuidade, garantindo o mantemento dos postos de traballo, o cumprimento da lexislación vixente e a conservación e promoción do patrimonio cultural.
A Inspección de Traballo e Seguridade Social actúa para garantir o cumprimento das medidas de riscos laborais, que son unha obriga para todos os centros de traballo. O expediente mencionado pola propiedade da empresa atópase nunha fase inicial, aínda non é firme e implicaría unha posible sanción de 5.000 euros ademais da corrección de determinadas eivas. Ningunha destas medidas abocan ao peche da planta.
O cumprimento da lexislación de seguridade laboral non é unha traba para a actividade dunha empresa, senón unha garantía para que esta poida desempeñarse nunha contorna segura e axeitada para a saúde dos traballadores, neste caso e en calquera outro.
O Goberno galego entende que a adaptación a determinados requisitos pode supoñer un reto, especialmente en instalacións de alto valor patrimonial como as de Sargadelos no concello de Cervo, que son Ben de Interese Cultural desde 2014. Por iso reafirma a disposición para colaborar e asesorar na procura de solucións que permitan manter e seguir impulsando a actividade industrial dentro do cumprimento da normativa.