José González destacou que esta é unha das accións do Goberno galego a prol da retención de talento e da inserción laboral da mocidade na comunidade para facer fronte a retos como a remuda xeracional e a cobertura de vacantes
Co programa Investigo 2024 Ibercisa contratou dúas persoas enxeñeiras mozas que colaboran na innovación de procesos en xestión de proxectos, deseño e lanzamentos de produción, en liña coa aposta do Executivo pola innovación e o talento novo
As achegas desta iniciativa enmárcanse na Estratexia Mocidade Activa, que impulsará o Executivo e que inclúe outras o Galicia Emprega Moz@s (3,5 M€) ou o programa de primeira experiencia profesional (preto de 6,3 M€ M€)
Tamén puxo de relevo a aposta do Goberno galego pola formación flexible e destacou os 7,5 M€ destinados a microformacións deseñadas polos clústeres de nove sectores estratéxicos, entre eles o naval e o metal aos que pertence Ibercisa
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou hoxe en Vigo a aposta do Goberno galego a prol da retención de talento e da inserción laboral da mocidade na comunidade para facer fronte a retos como a remuda xeracional e a cobertura de vacantes. Neste ámbito salientou iniciativas como o programa Investigo, que apoia a contratación de menores de 30 anos no eido da investigación, a tecnoloxía e a innovación. Grazas a ela, subliñou, entre os anos 2022 —cando se estreou— e 2024, a Xunta destinou máis de 27 M€ a este plan, con 213 empresas beneficiarias que posibilitaron 863 contratacións de persoas mozas.
Ademais, o conselleiro puxo de relevo que máis do 50% das persoas beneficiarias destas convocatorias continúan a traballar nas empresas que confiaron neles no marco de Investigo. Así o destacou nas instalacións da empresa Ibercisa Deck Machinery, unha das beneficiarias destas achegas o ano pasado e onde estivo acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e polo director xeral e conselleiro de Ibercisa, Roberto Rodríguez e outros representantes da compañía.
A través do programa Investigo 2024 e cunha axuda de máis de 66.000 euros, Ibercisa contratou dúas persoas enxeñeiras que colaboran na innovación de procesos en xestión de proxectos, deseño e lanzamentos de produción. Neste sentido, José González, puxo en valor a aposta desta empresa pola I+D+i e o talento mozo. Un feito, engadiu, que, sumado ao apoio autonómico para a mellora da súa cualificación e a posibilidade de desenvolverse profesionalmente en ocupacións con alta demanda, contribúen á remuda xeracional no tecido produtivo.
En relación coa convocatoria do programa Investigo deste ano, que pechou recentemente o prazo de solicitudes, o conselleiro lembrou que a Xunta destinou a ela 4,8 M€, dos que, como novidade, se reserva 1 M€ para as entidades privadas sen ánimo de lucro e personalidade xurídica propia que teñan como actividade principal a I+D+i.
Planificación integral a prol do talento mozo
O programa Investigo enmárcase na Estratexia Mocidade Activa na que traballa a Xunta e que está dotada con 20 M€, soamente por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Esta planificación integral tamén abarca outras iniciativas encamiñadas a impulsar o emprego xuvenil, entre elas, o programa de primeira experiencia profesional, que publicará en próximas semanas o Diario Oficial de Galicia e ao que este ano a Administración galega dedicará preto de 6,3 M€, e Galicia Emprega Mozos, cun orzamento en 2025 de arredor de 3,5 M€ —iniciativa englobada na convocatoria de Galicia Emprega dotada con 20 M€ e aberta ata o 30 de setembro-.
Estes apoios, expuxo José González, vense reflectidos en feitos como os últimos datos da EPA -4º trimestre de 2024-, que indican máis traballo entre a mocidade ao aumentar en 7.100 (un +5,52%) a cifra de ocupados menores de 30 ou os do paro de marzo, onde o dato deste colectivo é o máis baixo nun mes de marzo desde que hai rexistros (2005).
Formación flexible
Na visita o titular de Emprego tamén puxo de relevo a pioneira aposta do Executivo galego pola formación flexible e reciclaxe profesional dos traballadores e entre as accións neste ámbito destacou os 7,5 M€ destinados a microformacións deseñadas polos clústeres de nove sectores estratéxicos -entre eles o naval e o metal aos que pertence Ibercisa-, para cualificar a 17.000 persoas. Deste xeito, sinalou José González, tamén se contribúe a afrontar outro reto como a cobertura de man de obra para favorecer a competitividade e produtividade do tecido produtivo galego. Neste ámbito tamén destacou o plan de captación de talento exterior co foco prioritario no retorno dos emigrantes galegos e accións como as feiras de emprego celebradas na Arxentina e no Uruguai.