Poderán escoller datas de estadía entre o 1 de maio e o 15 de outubro nos espazos coliving implicados neste proxecto, que son Sende (Lobeira, Ourense), Anceu, (Ponte Caldelas) e iSlow, Laxe (A Coruña)
Sumaranse aos 60 participantes da experiencia piloto desta iniciativa, o que supón a creación dunha rede para conectar a estas 140 persoas emprendedoras e a convocatoria para as persoas interesadas en participar abrirá o 1 abril na web de Fixar
Esta nova edición afondará en determinar potenciais negocios necesarios no ámbito comarcal e avanzará no aproveitamento de sinerxías locais coa Rede de Polos despregada por toda Galicia, que conta actualmente con 15 oficinas
O Goberno galego impulsa o modelo dos colivings coa segunda edición do proxecto Fixar, unha iniciativa pioneira para atraer nómades dixitais e fixar poboación no rural que a Xunta está a promover coa colaboración da Asociación Cultural Sende. Nesta segunda edición poderán participar 80 emprendedores que poderán escoller datas de estadía entre o 1 de maio e o 15 de outubro nos espazos coliving implicados neste proxecto, que son Sende (Lobeira, Ourense), Anceu, (Ponte Caldelas) e iSlow, Laxe (A Coruña).
Deste xeito, cos 60 participantes na primeira edición desta iniciativa, estase creando unha rede para conectar a estas 140 persoas emprendedoras no rural galego. A convocatoria para as persoas interesadas en participar nesta iniciativa estará aberta desde o 1 ata o 10 de abril na web da iniciativa www.fixar.gal onde poden obter máis información.
Nesta nova edición afondarase en determinar potenciais negocios necesarios no ámbito comarcal, de maneira que a súa posta en marcha poida ser beneficiosa para a persoa emprendedora e para a contorna, explorando as sinerxías locais e coa propia Rede de Polos despregada por toda Galicia, que conta actualmente con 15 oficinas activas.
Esta iniciativa é unha das multiples medidas encadradas na estratexia global de emprendemento impulsada polo Goberno galego e á que se destinarán máis de 32 millóns de euros neste exercicio, con especial foco no emprendemento ligado ao territorio. Accións coma esta fixeron a Galicia merecedora do galardón como Rexión Emprendedora Europea 2025 polo labor á hora de potenciar proxectos que contribúan a fixar poboación nas catro provincias.
A edición piloto de Fixar
Os 60 emprendedores de diferentes perfís que participaron o ano pasado na experiencia piloto de Fixar recibiron orientación e formación en áreas como a xestión de proxectos, estratexias de emprendemento e networking e ferramentas para desenvolver os seus negocios e iniciativas desde a contorna rural. Isto permitiulles captar novos clientes, ampliar as súas redes de contactos e mellorar a súa estratexia empresarial.
Así mesmo, a iniciativa permitiu consolidar unha comunidade activa que segue medrando tanto de xeito online como a través de eventos presenciais, coa celebración das denominadas Xuntanzas Fixar que fomentan o intercambio de experiencias e fortalecen as relacións entre os participantes do proxecto promovendo o desenvolvemento de novas ideas e proxectos no rural. Ademais, nelas afóndase no potencial do modelo coliving, que contribúe a facer fronte a retos como o demográfico ou a remuda xeracional.
Tamén se creou un mapa para identificar e estudar os proxectos participantes, co obxectivo de que sexa unha ferramenta de investigación e conexión de oportunidades no territorio ao abeiro dos mesmos.