A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou, esta mañá, as instalacións da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería da Coruña para supervisar o inicio dos cursos de Accións Formativas para Desempregados (AFD) que está organizando esta entidade. En total, recibiron máis de 451.000 euros para levar a cabo 10 cursos centrados en Operacións Básicas de Restaurante e Bar (6), Cociña (2) e Operacións Básicas de Cociña (2).
Na visita informou que na cidade da Coruña recibirán estes apoios un total de 24 entidades para levar a cabo 127 cursos cun apoio da Xunta de máis de 6,1 millóns de euros. A delegada aproveitou a visita para destacar a importancia destes cursos que “permiten formar a persoas desempregadas en especialidades que contan cunha gran demanda de profesionais cualificados”. O éxito destas accións, segundo explicou Belén do Campo, pódese comprobar coa “altísima taxa de empregabilidade do alumnado que remata as formacións”.
As accións formativas están dirixidas á adquisición e mellora de competencias profesionais relacionadas cos requirimentos de produtividade e competitividade das empresas, ás necesidades de adaptación aos cambios operados nos sectores produtivos e ás aspiracións de inserción profesional e desenvolvemento persoal das persoas traballadoras, de forma que as capacite para o desenvolvemento cualificado dunha profesión e lles permita mellorar a súa empregabilidade.
Esta orde resolveuse en 2024 por un importe próximo aos 72,1 millóns de euros para impartir un total superior aos 1.500 cursos, coa previsión de que poidan participar máis de 23.300 persoas A Xunta continúa así a reforzar a formación para o emprego co reto principal de axustar as accións formativas aos perfís que demanda o tecido produtivo e de dar resposta, deste xeito, ás vacantes que existen no mercado laboral.
A delegada da Xunta considerou de “gran importancia” estes talleres e asegurou que hai un “gran compromiso” por parte da Xunta co fomento do emprego e o ofrecemento de ferramentas “útiles” que axuden á formación. “Estes investimentos teñen un gran impacto na vida das persoas. Non só porque poden aprender un oficio ou mellorar as habilidades que xa teñen, senón porque as poñemos directamente en contacto co mundo laboral e sabemos que moitas veces iso é o máis difícil”, engadiu.
Para optar a estes apoios dáse prioridade ás especialidades máis demandadas polas empresas galegas e polas persoas traballadoras nas oficinas de emprego, revisándose e modificándose esta relación de materias formativas consideradas como prioritarias, ademais de avaliarse a súa empregabilidade. Entre os perfís que están a ser máis requiridos destacan os vinculados coa atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, auxiliares de servizos administrativos e xerais, transporte sanitario, actividades auxiliares de almacén ou operacións básicas de cociña, entre outros.
Os apoios autonómicos van dirixidos de xeito prioritario ás persoas desempregadas, aínda que tamén poden participar nos cursos as persoas traballadoras ocupadas ata un límite do 30% das prazas, sempre e cando non se cubran con persoas sen emprego. O prazo para participar nestes cursos está aberto, a selección estase a facer a través das Oficinas de Emprego de cada zona.
Máis flexibilidade, tamén para o alumnado
A convocatoria tamén presentou importantes novidades no referido ao acceso do alumnado aos cursos. Por vez primeira, non se esixe ter a titulación precisa para un curso de xeito previo, permitindo formarse en paralelo. Isto quere dicir, na práctica, que un alumno sen Bacharelato que desexe estudar un grao C de nivel 3 -a efectos académicos, equivalente a ese nivel educativo- poderá estudar, á vez, o curso formativo e as competencias claves precisas para obter este certificado profesional.
Ademais, tamén como novidade, o alumnado pode estudar un curso completo ou módulos específicos incluídos nun certificado profesional, dentro da aposta da Xunta por flexibilizar ao máximo a formación e axustala ás necesidades de empresas e traballadores.