A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este luns a Asociación de Empresarios de Transporte de Mercancías e Escavacións de Pontevedra (Asetranspo) tras a concesión dun Programa Integrado de Emprego (PIE) que comezará mañá co financiamento da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. O programa ten como obxectivo formar durante un ano a 100 desempregados para acadar un 45% de inserción laboral grazas a oferta de orientación e intermediación.

Segundo explicou a representante autonómica, a Xunta financiará un total de 19 PIEs na área territorial viguesa cun investimento de 4,18 millóns de euros para beneficiar a preto de 2.000 demandantes de emprego. “Buscamos unha maior formación e inserción, e a experiencia anterior demostra o éxito e idoneidade do investimento realizado pola Xunta de Galicia neste tipo de programas, que están directamente ligados ás necesidades das empresas”, sinalou.

Os PIEs 2024/25 foron concedidos a tres concellos da área (Redondela, O Porriño e Salceda) e a 16 entidades cun importe de 220.000 euros cada unha repartidos en dúas partidas anuais. As entidades beneficiadas son Asetranspo, Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (INEG), Asociación de Empresarios de Redondela, Fundación CIP, Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime), Feafes, Fundación Impulsare, Domusvi, Fundación Nortempo, Federación de Empresarios de Hostalería de Pontevedra, Fundación Laboral da Construción, Asociación de Empresarios de Mos, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Galicia (Afaga), Confederación de Empresarios de Pontevedra e Fundación para a Discapacidade e Emprego Juan XXIII.

Ana Ortiz engadiu que “hai moitas persoas que queren traballar, pero ás veces o que lles falta é a orientación para saber en que empregos focalizarse. Iso é precisamente o que se lles ofrece a través de programas coma este”. Ademais, trasladou os seus parabéns á directiva de Asetranspo e puxo en valor a súa iniciativa para formar a novos conductores.

Loading...