A delegada da Xunta, Belén do Campo clausurou hoxe o obradoiro de emprego para persoas mozas organizado por Betanzos, Abegondo, Coirós e Paderne Cuidados na Dependencia, centrado en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e atención sociosanitaria a persoas no domicilio. Alí puxo en valor o papel destes obradoiros na formación teórico-práctica para mellorar a empregabilidade das persoas participantes ao tempo que contribúen a mellorar servizos para a cidadanía. Estas iniciativas, financiadas polo Goberno galego, tamén reforzan a colaboración institucional entre a Xunta de Galicia e as entidades locais.
Neste caso, o obradoiro Coidados na Dependencia beneficiouse dunha achega da Xunta de máis de 435.000 euros para o seu funcionamento -que beneficia a 16 persoas ás que agradeceu e felicitou polo seu labor- que se manterá deica novembro deste ano. Belén do Campo resaltou que este curso formou aos alumnos en dúas especialidades con gran demanda de emprego. Na clausura a delegada confirmou que Betanzos volverá contar con este obradoiro o ano que vén coa colaboración de Abegondo, Carral, Coirós e Paderne grazas a un apoio da Xunta de máis de 438.000 euros.
Os estudantes de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, ademais da súa formación teórica, realizaron as prácticas en centros sociais de referencia na cidade e comarca como a residencia de García Hermanos, o centro Pai Menni, Aspronaga e Aspace, o que lles permitiu comprobar as necesidades e o gran labor que se levan a cabo para atender aos que máis o necesitan. Pola súa banda, os alumnos de atención sociosanitaria a persoas no domicilio realizaron as súas prácticas no Servizo de Axuda a Domicilio de Betanzos, que permite levar aos fogares a atención que precisan as persoas que deciden envellecer nos seus domicilios.
No presente taller de formación, que xa rematou, a representante do Goberno autonómico resaltou que, a maiores de formarse e realizar un traballo de interese público remunerado, estas persoas poden obter un certificado de profesionalidade e, unha vez completen a formación, bríndaselles a posibilidade de traballar nunha empresa do ámbito das materias impartidas.
En relación coa convocatoria de axudas deste ano 24-25, en toda Galicia invístense máis de 6,6 millóns de euros para desenvolver 15 obradoiros de emprego para persoas mozas cos que se prevé beneficiar 240 persoas sen traballo. Na provincia da Coruña haberá 6 obradoiros deste tipo, para menores de 30 anos, que combinarán formación e traballo remunerado durante 12 meses, cun investimento de máis de 2,5 millóns de euros e 96 prazas.
A través dos programas seleccionados, a mocidade participante pode adquirir coñecementos en diferentes áreas, como atención sociosanitaria, mantemento de xardíns, viveiros e zonas verdes, traballos forestais, carpintería, cantería, deseño gráfico, dinamización de empresas ou promoción turística, entre outros.
A Xunta de Galicia encárgase de financiar a formación profesional para o emprego (medios, materiais, contratación de persoal…), así como os custos salariais derivados dos contratos de traballo subscritos co alumnado. A acción enmárcase nos programas públicos de emprego-formación que buscan mellorar a ocupabilidade das persoas mozas menores de 30 anos rexistrados no Sistema nacional de garantía xuvenil.
Impulso á empregabilidade e ás contornas rurais
A estes obradoiros para persoas mozas, lanzados en réxime de concorrencia competitiva, poden presentarse concellos, mancomunidades de municipios e entidades públicas dependentes ou vinculadas a concellos ou mancomunidades, tendo prioridade os concellos asociados resultantes de fusión e os que tiveran condición de municipios emprendedores.
Para acceder a estes obradoiros, priorízanse as persoas con especiais dificultades de inserción, entre elas emigrantes retornados, mulleres, vítimas de violencia de xénero e as persoas con diversidade funcional.