A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe na entrega de diplomas ás persoas que superaron as formacións realizadas no marco do convenio asinado para este 2024 entre a Xunta e o Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal). En concreto, grazas a un investimento autonómico de preto de 640.000 euros puideron formarse máis dun milleiro de alumnos nun total de 21 cursos, arredor de materias como a enerxía eólica, a xeotecnia, a biomasa, o biogás, a enerxía solar, o autoconsumo fotovoltaico, as centrais hidroeléctricas, o hidróxeno renovable, os vehículos híbridos e eléctricos ou a eficiencia enerxética.

Esta colaboración vén reforzar a dos dous anos anteriores (2022-2023), cando se conseguiran formar case 2.000 persoas a través de 31 cursos e cun investimento do Goberno galego próximo ao millón de euros.  

No acto de hoxe, Zeltia Lado amosou o compromiso do Goberno galego por consolidar a colaboración cos clústers, a través de convenios para a impartición de formación de carácter non formal, atendendo ás necesidades laborais de todos os axentes. O obxectivo desta iniciativa é dar resposta ás vacantes laborais que están a existir en diferentes sectores da economía.

Nesa liña, dixo, o Goberno galego seguirá a apostar por formacións de curta duración e flexibles dirixidas a persoas ocupadas e desempregadas, na liña do sistema de microcredenciais polo que avoga Europa porque permite unha actualización dos coñecementos, capacidades e competencias dun xeito áxil, contribuíndo á mellora das oportunidades laborais.

Loading...