O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, interviu hoxe en Ribadeo na entrega de diplomas aos alumnos e alumnas do programa de emprego Tecendo Coidados, promovido por este concello xunto co de Barreiros. O Goberno galego destinou arredor de medio millón de euros a financiar a actividade.
Arias animou aos participantes “a aproveitar os coñecementos adquiridos durante todo un ano no campo da atención sociosanitaria a persoas dependentes, un eido con boa saída profesional”.
Destacou que os 16 mozos e mozas que recibiron formación a través desta iniciativa “saen agora mellor preparados para enfrontarse ao mercado laboral e poder acceder a un posto de traballo de calidade”.
O delegado territorial tamén anunciou dúas novas achegas autonómicas que suman 880.600 euros para poñer en marcha outros tantos obradoiros de emprego que comezarán proximamente en Ribadeo e Barreiros. Ambos son impulsados conxuntamente polos dous concellos.
A principios de outubro botará a andar a iniciativa Máis Emprego, que neste momento está na fase de selección de persoal. Vai dirixida a 16 mozos e mozas menores de 30 anos e terá unha duración de 12 meses. As especialidades que comprende están relacionadas co mantemento de xardíns e a dinamización cultural.
Taller dual
Por outra banda, ambos concellos mariñáns compartirán o taller dual Constrúe en verde, que durará nove meses e mellorará a formación e as perspectivas laborais de 20 persoas desempregadas. Impartirá catro especialidades relacionadas coa construción; a limpeza en espazos abertos, instalacións industriais, edificios e locais; e a xestión de residuos urbanos e industriais.
Neste caso os destinatarios prioritarios son, entre outros, persoas con especiais dificultades de inserción, como mulleres, vítimas de violencia de xénero, emigrantes retornadas, persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego, desempregadas de longa duración, maiores de 45 anos ou persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior, ademais doutros colectivos.
No conxunto da provincia de Lugo, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destina 7,1 M€ a través da convocatoria deste ano a financiar 17 talleres duais que funcionarán en 46 municipios. Estes programas mellorarán as oportunidades laborais de 340 persoas desempregadas.