O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, mantiveron hoxe un encontro co alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, e outros membros do equipo de goberno municipal, para avanzar na colaboración entre a Xunta e este concello pontevedrés co fin de impulsar o emprego e o emprendemento neste municipio.

Neste sentido, na xuntanza abordáronse ferramentas como os obradoiros duais de emprego dos que é beneficiario este Concello, o que ten en vigor actualmente e o que recibiu axuda no marco da convocatoria deste ano. Este último é o obradoiro Manuel B Portela X, que conta cunha achega autonómica de preto de 412.000 euros. Unha acción cunha vintena de persoas participantes que recibirán formación ao tempo que desempeñan un traballo remunerado e que se centrará en operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización e de fábricas de albanelería.

Tamén se trataron outros apoios como o programa Aprol Rural do que na convocatoria de 2024 A Guarda obtivo axudas autonómicas de máis de 41.000 euros para a contratación este ano de dous traballadores co gallo de levar a cabo tarefas relacionadas coa prevención de incendios forestais como a planificación preventiva, valorización forestal, silvicultura, limpeza de montes ou xestión da biomasa.

A estas súmanse os apoios a persoas en risco de exclusión social perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) para facilitar a súa inserción laboral a través de traballos de interese xeral e de utilidade social. Para este fin o concello da Guarda recibiu unha achega autonómica de máis de 59.400 euros coa que contratou este ano a cinco persoas.

No ámbito do emprendemento, o conselleiro lembrou que as persoas interesadas en emprender no municipio da Guarda teñen á súa disposición o Polo de emprendemento e apoio ao emprego do Porriño, que presta asesoramento individualizado e gratuíto a calquera persoa que queira emprender un negocio ou consolidar o que xa ten. Desde a súa posta en marcha a finais do ano pasado, este polo ten atendido máis de 370 proxectos a través de arredor de 750 titorías.

Loading...