A Xunta destina 11.149.170 euros á posta en marcha de 27 obradoiros duais de emprego que beneficiarán 536 participantes de 66 concellos e catro mancomunidades da provincia de Ourense. Así o anunciou esta mañá o delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, na visita aos traballos que están a desenvolver os alumnos e alumnas do obradoiro dual de emprego ‘Terra de Benestar II’ da Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria Terras de Celanova.
O delegado territorial destacou que Ourense é a provincia máis favorecida da concesión dos novos obradoiros duais de emprego polo Goberno galego. Deste xeito, a Xunta concedeu axudas a 27 obradoiros a Ourense, 22 á Coruña, 20 a Pontevedra e 17 a Lugo. Máis de 39 millóns de euros que beneficiarán máis de 1.800 persoas a través da realización de arredor de 90 obradoiros duais en toda Galicia
Manuel Pardo salientou a importancia destas medidas, que a maiores de formar a persoas con especiais dificultades de inserción laboral que desenvolven un traballo de interese público remunerado, estes homes e mulleres poden obter un certificado de profesionalidade e, unha vez completen a formación -resaltou o representante do Goberno galego- adquiren ferramentas para reforzar habilidades e competencias que respondan ás demandas do mercado laboral e permitan obter un emprego de calidade.
Explicou Manuel Pardo que os obradoiros duais son programas mixtos de emprego e formación que teñen por finalidade ocupar a persoas desempregadas mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten ao alumnado a realización dun traballo efectivo que incida na súa cualificación e favoreza unha posterior inserción laboral.
Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios reciben formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos. O obxectivo é incrementar as oportunidades laborais dos galegos e galegas.
O representante do Goberno autonómico recalcou tamén que ademais, a formación que se imparte nos concellos está adaptada aos perfís máis demandados das empresas da contorna polo que algúns alumnos atopan emprego mesmo antes de finalizar a súa formación.
Requisitos e prioridades
O delegado territorial sinalou que estes obradoiros duais poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades de municipios ou entidades públicas dependentes, así como por entidades sen ánimo de lucro do sector forestal. A convocatoria de axudas puxo o foco na formación forestal e nas iniciativas centradas na posta en valor das rutas do Camiño de Santiago ou nas áreas declaradas Reserva da Biosfera. Tamén nas propostas de concellos fusionados ou emprendedores e de actividades relacionadas coas TIC e coa economía dixital, así como relacionadas co tecido empresarial e coas posibilidades de inserción futura.
Para acceder a estes obradoiros, priorizáronse as persoas con especiais dificultades de inserción, entre elas emigrantes retornados, mulleres, vítimas de violencia de xénero e as persoas con diversidade funcional.
Concellos e Mancomunidades beneficiados
As catro mancomunidades adxudicatarias foron a Mancomunidade intermunicipal voluntaria Terra de Celanova, Mancomunidade voluntaria de municipios da comarca de Ourense, Mancomunidade de municipios da comarca de Verín e Mancomunidade intermunicipal da comarca do Ribeiro.
Os 66 concellos beneficiarios son os de Xinzo de Limia, Sandiás, Coles, A Peroxa , Amoeiro, O Barco de Valdeorras, Vilamartín, Petín, Monterrei, Cualedro, Oímbra, Sarreaus, Laza, Trasmiras, Bande, Lobeira, Lobios, Verea, Celanova, A Merca, A Veiga, Rubiá, Carballeda de Valdeorras, O Carballiño, Boborás, Maside, Barbadás, Taboadela, Toén, Ourense, Quintela De Leirado, Padrenda, Gomesende, O Irixo, San Amaro, Punxín, Castrelo do Val, Riós, Vilardevós, Baltar, Calvos de Randín, Os Blancos, Porqueira, Rairiz de Veiga, A Bola, San Cristovo de Cea, Vilamarín, Piñor, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Paderne de Allariz, Vilar de Santos, Vilar de Barrio, Allariz, Beariz, Avión, Melón, Ribadavia, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Castro Caldelas, A Teixeira, Mo Xinzo, Sandiás, Coles, A Peroxa , Amoeiro, O Barco de Valdeorras, Vilamartín, Petín, Monterrei, Cualedro, Oímbra, Sarreaus, Laza, Trasmiras, Bande, Lobeira, Lobios, Verea, Celanova, A Merca, A Veiga, Rubiá, Carballeda de Valdeorras, O Carballiño, Boborás, Maside, Barbadás, Taboadela, Toén, Ourense, Quintela de Leirado, Padrenda, Gomesende, O Irixo, San Amaro, Punxín, Castrelo do Val, Riós, Vilardevós, Baltar, Calvos de Randín, Os Blancos, Porqueira, Rairiz de Veiga, A Bola, San Cristovo de Cea, Vilamarín, Piñor, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Paderne de Allariz, Vilar de Santos, Vilar de Barrio, Allariz, Beariz, Avión, Melón, Ribadavia, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Castro Caldelas, A Teixeira, Montederramo, Viana do Bolo, A Gudiña e Vilariño de Conso.
Hai que ter en conta que dentro das mancomunidades hai concellos que están entre os beneficiados doutros obradoiros duais.
O obradoiro de emprego ‘Terra de Benestar II’
Este obradoiro, no que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración investiu 531.046,20 euros, está a formar a 20 alumnos – traballadores no módulo de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.
Os participantes atenden a persoas dependentes no ámbito sociosanitario na Residencia Nuestra Señora del Mundil de Cartelle e na Residencia San Carlos de Celanova, aplicando as estratexias deseñadas polo equipo interdisciplinar competente e os procedementos para manter e mellorar a súa autonomía persoal e as súas relacións coa contorna.
No eido formativo, os participantes estanse a instruír no apoio na organización de intervencións no ámbito institucional que engloba o apoio na recepción e acollida en institucións de persoas dependentes, o apoio na organización de actividades para persoas dependentes en institucións, a intervención na atención hixiénico-alimentaria en institucións e a intervención na atención sociosanitaria en institucións.
Tamén adquiren coñecementos en: apoio psicosocial, atención relacional e comunicativa en institucións, animación social de persoas dependentes en institucións, mantemento e mellora das actividades diarias de persoas dependentes en institucións e técnicas de comunicación con persoas dependentes en institucións.