A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou hoxe na graduación dunha nova promoción de alumnos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela (USC) no Campus de Lugo, onde salientou a formación no sector agrario e forestal e a súa importancia para impulsar e asegurar o futuro do rural en Galicia.
A conselleira puxo de relevo as oportunidades laborais que ofrece o rural, así como os beneficios e facilidades que achega no terreo social e económico para desenvolver unha traxectoria vital. A titular do Medio Rural alentou aos recentemente titulados como enxeñeiros agrícolas e forestais a enriquecer e fomentar a vida no rural galego, que cualificou, ademais de como un espazo onde se producen alimentos sans e de calidade, como a “alma de Galicia”, por atoparse nel os valores e tradicións propios da nosa terra.