O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou hoxe no acto de clausura do programa Escolas Abertas 2024, celebrado na sede do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG).

A iniciativa Escolas Abertas 2024, destinada ás persoas que imparten docencia nas entidades galegas do exterior, é un programa de formación de formadores, co obxectivo de que os profesores e profesoras que traballan nos distintos centros galegos do mundo veñan a Galicia a participar en diferentes talleres de especialización, co que se lles aporta unha formación altamente especializada e cualificada no ámbito técnico e didáctico. Na presente edición, que se desenvolveu nas instalacións do CSHG en Santiago entre os días 4 e 15 de xullo, participaron 72 alumnos e alumnas, que recibiron formación en seis modalidades diferentes como baile tradicional galego, canto popular, pandeireta, confección de traxe tradicional, gaita e percusión. Ademais, como novidade, contemplouse tamén formación específica a persoal directivo das entidades do exterior, co obxectivo de axudar á modernización da xestión destes centros.

José González felicitou á nova promoción desta iniciativa, destacando que este programa é unha ponte fundamental de conexión entre Galicia e a diáspora galega, que permite preservar e difundir a cultura e as tradicións de xeito global. Ademais, celebrou a diversidade dos participantes, procedentes de oito países distintos -Arxentina, Uruguai, Cuba, Brasil, Venezuela, México, Chile e España- e subliñou o efecto multiplicador do coñecemento adquirido durante a súa estadía, que poderán transmitir aos máis de 10.000 alumnos e alumnas aos que chegan estes docentes de xeito cotiá.

Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia salientou a importancia que ten este tipo de formación específica e o “acerto” por ter incorporado este ano na formación de Escolas Abertas aos directivos. Neste sentido, agradeceu a elección do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) para a realización destas xornadas nun contexto, ademais, no que o centro está a vivir importantes retos cun incremento de persoas matriculadas. Ademais, recordou que este ano se conta con bolsas para as persoas galegas no exterior e que, nestes momentos, hai o dobre de persoas matriculadas que o ano pasado.

Compromiso coa emigración galega

José González remarcou o firme compromiso do Goberno coa formación e o apoio ás entidades galegas no exterior, así coma cos galegos e galegas que residen fóra. Por iso, recalcou, a Xunta suma esforzos e ten en marcha programas destinados a fortalecer e tecer novas liñas de colaboración coa diáspora galega arredor do mundo.

Nesta liña, subliñou a importancia da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, no marco da cal se impulsan programas orientados á integración sociolaboral dos que deciden retornar á Comunidade, ben como emprendedores ou ben como traballadores. Entre eles, destacou o Programa Retorna Cualifica Emprego, que ofrece en orixe traballos de calidade cos que volver a Galicia, complementados con formación e axudas para establecerse.

Tamén lembrou que se dispoñen de oficinas integrais de asesoramento e seguimento ao retorno habilitadas nas sete cidades galegas e outras ferramentas como as Bolsas Excelencia Mocidade Exterior para fomentar a volta de xente nova con alta cualificación, as axudas ao autoemprego para retornados ou o Programa Merlo de mentorización para emprendedores.

O titular de Emprego indicou finalmente que, no marco deste compromiso coa emigración, a finais do xullo viaxará á Arxentina e ao Uruguai co obxectivo de coñecer de primeira man as necesidades da comunidade galega no exterior e de seguir impulsando as estratexias de retorno.

Loading...