Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2024

Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria 2024 do programa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinado á creación de cooperativas e sociedades laborais a partires de empresas sen remuda xeracional, da unión de persoas traballadoras autónomas, da transformación de calquera tipo de sociedade ou tras a adquisición da entidade por parte das persoas traballadoras da mesma.

O prazo para solicitar os apoios comeza mañá e rematará o vindeiro 16 de setembro. A Xunta dedicará a esta iniciativa (Es-Transforma) 2.370.000 euros, un investimento co que se prevé beneficiar arredor de 50 novas cooperativas ou sociedades laborais. A contía máxima das axudas é de 74.000 euros por entidade (ata un máximo de 50.000 euros polos conceptos subvencionables e ata 24.000 euros polos incrementos adicionais previstos).

Máis polo miúdo, as axudas van destinadas a aquelas empresas mercantís que non teñen remuda xeracional: no caso de ausencia de remuda xeracional, cando as persoas desempregadas que traballaban nunha sociedade que non ten remuda xeracional por xubilación ou crise económica e constitúan unha cooperativa ou unha sociedade laboral; e para fomentar a unión en cooperativa ou sociedade laboral de persoas autónomas que precisen acadar unha maior seguridade, fortaleza e solvencia cunha destas dúas fórmulas de economía social, o que incrementaría tamén a carteira de clientes.

Así  mesmo, estes apoios poden achegarse para a transformación de todo tipo de sociedades en cooperativas ou sociedades laborais, apostando por un modelo de negocio sustentable no tempo, resiliente, solidario e cunha organización democrática, onde a prioridade son as persoas e os obxectivos sociais. Por último, destas axudas tamén poderán beneficiarse as persoas traballadoras que decidan asumir a titularidade da empresa para a que traballan a través dunha cooperativa ou sociedade laboral.

O programa pretende contribuír a visibilizar e promover a economía social como motor de crecemento económico sustentable, que crea emprego de calidade, integrador e asentado no territorio. A través das achegas, a Administración autonómica farase cargo de ata o 80% dos custos, cun límite máximo de 50.000 euros, nos que incorran estas entidades no eido do asesoramento legal, rexistro, notarías e informes; para desenvolvemento da imaxe corporativa; obtención de certificacións de calidade; marketing, comunicación ou relanzamento comercial; ou plan de protección de datos.

Os apoios abranguen tamén os gastos realizados en equipamento informático e outros, desenvolvemento web, melloras na eficacia enerxética, reformas e mobiliario dos locais e elementos de transporte, entre outros.

Incrementos de 3.000 euros

A contía da axuda incrementarase en 3.000 euros (ata un máximo de 24.000 euros) se a sede social da entidade beneficiaria está situada nun concello rural; no caso das entidades beneficiarias que estean formadas maioritariamente por mulleres; se a actividade económica da nova entidade beneficiaria é un sector no que as mulleres se atopen subrepresentadas; e no caso das entidades que estean formadas maioritariamente por persoas menores de 30 anos, emigrantes retornados, persoas maiores de 45 anos, por persoas con discapacidade ou por persoas trans.

Nesta nova convocatoria será obrigatorio manter, polo menos durante un período de tres anos desde a data da resolución de concesión da axuda, a forma xurídica de economía social elixida para a transformación (cooperativa ou sociedade laboral), así como a actividade empresarial e o emprego xerado. O obxectivo é garantir o compromiso de permanencia das novas entidades no ámbito da economía social para promover así a súa actividade económica dentro dos principios e valores deste sector durante máis tempo.

Na edición do ano pasado 2023 resultaron beneficiarias destas axudas un total de 56 entidades: creáronse 31 novas cooperativas e 25 novas sociedades laborais, que se constituíron na súa maioría por persoas autónomas. Esta iniciativa enmárcase na Estratexia de Economía Social de Galicia Horizonte 2027 que recolle como actuacións prioritarias o reforzo dos programas de creación de emprego.

Loading...