Santiago de Compostela, 26 de maio de 2024
A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte, vén de organizar un curso de seguridade, operatividade e manexo dos vehículos motobomba para bombeiros forestais do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (SPIF).
Esta iniciativa organízase en catro edicións online e 21 sesións prácticas. Cada edición ten unha duración de 20 horas en modalidade mixta, con 15 horas de teleformación e unha xornada de práctica presencial de cinco horas. Estas xornadas comezaron a impartirse a mediados do mes de abril e finalizarán en xuño, cun total estimado de 390 alumnos. As sesión prácticas están a impartirse nas catro provincias, máis concretamente nos concellos de Sandiás (Ourense), Pontevedra, Vilalba (Lugo) e Tordoia (A Coruña).
Nas xornadas prácticas, os asistentes a estes cursos reciben nocións sobre a aspiración e impulsión directa de bomba sen uso da cisterna, así como a aspiración e enchido de balsas. Abordarán tamén o manexo do Winch, a ferramenta utilizada para manobras de rescate con poleas; a utilización do Dosifor, un retardante forestal; e o manexo do programa Xeocode para motobombas.
As sesións teóricas versarán sobre o uso de Xeocode e Xeocode Lite, un sistema de información xeográfica en tempo real con toda a información dispoñible sobre os incendios; a prevención de riscos laborais no traballo con vehículos todo terreo e motobombas forestais e o uso de retardantes forestais.
Estas xornadas están enmarcadas no plan formativo da Consellería do Medio Rural para o persoal do SPIF e teñen como obxectivo actualizar os coñecementos dos bombeiros forestais condutores de motobomba no manexo dos novos vehículos, así como das novas tecnoloxías á súa disposición.