O delegado visitou o Moxena’s Coffee que recibiu unha axuda pola contratación de dúas persoas por conta propia e outra por conta allea con carácter indefinido

Este programa beneficiou máis de 400 empresas de toda Galicia cun investimento de máis de 5 millóns de euros

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o Moxena’s Coffee, en Poio, para informar sobre as axudas do programa Emega de fomento do emprendemento feminino, das que se beneficiou este establecemento cunha achega de 20.000 euros.

Esta axuda permitiu apoiar a posta en marcha e consolidación do negocio grazas á contratación de dúas persoas por conta propia e doutra persoa por conta allea con carácter indefinido, favorecendo así a creación de emprego estable e o impulso do tecido empresarial local.

Durante a visita, o delegado territorial destacou a importancia deste tipo de programas para apoiar o talento emprendedor das mulleres e fomentar a igualdade de oportunidades no ámbito laboral e empresarial. Así Reguera asegurou que “a Xunta mantén un compromiso firme coa igualdade e por iso desenvolve programas como este que buscan dar un pulo ao talento feminino”.

A convocatoria destas axudas resolveuse no mes de novembro de 2025 e permitiu apoiar máis de 400 iniciativas empresariais en toda Galicia, cun investimento global superior aos 5 millóns de euros.

Programa Emega

O programa Emega está impulsado pola Xunta de Galicia co obxectivo de fomentar o emprendemento feminino e favorecer a creación e consolidación de proxectos empresariais liderados por mulleres. A través desta liña de axudas apóiase a posta en marcha de novos negocios, a xeración de emprego e o fortalecemento do tecido empresarial feminino en Galicia.

Loading...