José González destaca o redeseño das principais ordes formativas e o novo ‘Galicia Suma Talento: Emprégate’, que pecha o círculo da empregabilidade priorizando por primeira vez a contratación de persoas formadas a través de programas autonómicos

Volve urxir o traspaso das competencias das autorizacións iniciais de traballo das persoas estranxeiras dentro dunha inmigración controlada, segura e eficaz vinculada á demanda das empresas, cunha integración sociolaboral en beneficio da Comunidade

Tamén aborda retos como o absentismo laboral inxustificado, destacando que en Galicia se está a traballar nunha mesa específica dentro do Diálogo Social

No eido do comercio, resalta iniciativas como o proxecto de dinamización Vilas Vivas que se está a desenvolver en Ribadavia ou o novo protocolo coa Deputación de Ourense para potenciar as prazas de abastos da provincia

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, mantivo hoxe un encontro coa Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas —co seu presidente, José Antonio Rodríguez Araújo, á fronte—, onde puxo en valor a renovación integral da formación para o emprego impulsada pola Xunta e o seu plan de atracción de talento co fin de cubrir as vacantes laborais existentes. Nunha xuntanza na que tamén estivo a alcaldesa da localidade, Marta Nóvoa, o conselleiro referiuse primeiramente ao redeseño de ordes con prazo de solicitude aberto como a de accións formativas para persoas desempregadas AFD (40 M€) ou ao programa Galicia Suma Talento: formación persoas ocupadas (10,6 M€), ao tempo que subliñou como fito clave neste eido o decreto pioneiro de microcredenciais para o emprego, que se implantará de xeito progresivo ao longo dos vindeiros meses.

Co gallo de pechar o círculo da empregabilidade, González salientou tamén o novo enfoque da orde Galicia Suma Talento: Emprégate (19,7 M€), aberta actualmente para apoiar a contratación das persoas desempregadas con maiores dificultades de inserción laboral, como mocidade, mulleres, persoas paradas de longa duración, emigrantes retornados ou persoas con discapacidade, entre outros colectivos. Así, por primeira vez darase prioridade nos incentivos ás persoas que recibiran previamente formación para o emprego financiada con recursos autonómicos, reforzando así a conexión directa entre as políticas formativas da Xunta e a incorporación efectiva ao mercado laboral.

Na súa intervención, tamén abordou outros retos como o absentismo laboral inxustificado, destacando que en Galicia se está a traballar nunha mesa específica dentro do Diálogo Social, buscando solucións adaptadas á realidade da nosa Comunidade.

Atracción de talento

José González volveu defender o modelo de atracción de talento impulsado pola Xunta, baseado nunha inmigración controlada, segura e eficaz vinculada ás necesidades do tecido produtivo, así como nunha integración sociolaboral real en beneficio da nosa Comunidade. Un plan que se estrutura nun primeiro foco no retorno das persoas galegas do exterior e, nun segundo eixe, na atracción de talento procedente de terceiros países. Nesta folla de ruta, insistiu, resulta clave axilizar o traspaso das competencias das autorizacións iniciais de traballo solicitadas por Galicia. Un traspaso que agarda para este primeiro semestre.

Impulso ao comercio

O conselleiro tamén citou as medidas impulsadas pola Xunta no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, no caso concreto de Ourense, con proxectos de especial relevancia como Vilas Vivas, iniciativa piloto de dinamización de vilas senlleiras que se está a desenvolver en Ribadavia, coa previsión de acadar 15 locais activos durante este primeiro semestre do ano. Ademais, puxo en valor o convenio asinado coa Deputación de Ourense para modernizar as prazas de abastos da provincia co fin de potenciar a súa actividade e dinamizar a economía local. Ao respecto, co gallo de recuperar canto antes a Praza de Abastos nº 1 de Ourense e a Alameda, lamentou o posicionamento errático do alcalde respecto ao mercado e reiterou a man tendida da Xunta, pero sempre con seriedade, rigor, transparencia e un proxecto de adecuación que cumpra todas as garantías xurídicas, respecte os requisitos concesionais e se deseñe escoitando aos usuarios.

Loading...