O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta tarde en Parada de Sil no encontro Chispa Emprendedora, enmarcado nas actividades do Polo de emprendemento do Barco de Valdeorras

Neste ámbito, destaca a Estratexia de emprendemento ligado ao territorio 2025–2030, que nace da designación de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025 e que actualmente está en período de consulta co sector

A do Barco é unha das 15 oficinas que ten a Rede de polos de emprendemento do Goberno galego na comunidade e leva atendido máis de 160 proxectos e contribuído coa súa actividade á creación de 35 empresas

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta tarde no encontro Chispa Emprendedora, celebrado na contorna da Fábrica da luz co fin de conectar persoas emprendedoras do rural galego e enmarcado nas actividades do Polo de emprendemento do Barco de Valdeorras. Alí puxo en valor o papel da Rede de polos de emprendemento na aposta autonómica por impulsar proxectos ligados ao territorio.

Trátase dun compromiso no que se enmarcan actividades como a de hoxe, que incluíu unha dinámica de parellas na que cada emprendedor contou o seu proxecto á súa parella durante un paseo pola natureza. Posteriormente realizouse un momento de posta en común co resto dos participantes do encontro no que cada persoa presentou o proxecto da súa parella coma se fose propio.

Neste ámbito, destaca a Estratexia de emprendemento ligado ao territorio 2025–2030, que nace da designación de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025 e que actualmente está en período de consulta co sector. Con esta folla de ruta o Goberno galego busca que as ideas dos emprendedores galegos, tanto dos que están en Galicia como dos que retornan a ela desde o exterior, conten con todos os recursos necesarios para convertelas en realidade. A isto engádese o Manifesto de vontades para a creación da Rede Galega do Ecosistema de Emprendemento, que está aberto a todas as entidades do ecosistema emprendedor que desexen adherirse.

Actividade do polo do Barco de Valdeorras

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais tamén destacou a actividade do Polo de emprendemento do Barco de Valdeorras, organizador da xornada e un dos 15 que hai distribuídos por toda Galicia e dos catro cos que conta a provincia de Ourense (O Barco, Baños de Molgas, O Carballiño e Verín). Neste sentido, leva atendidos máis de 160 proxectos e co seu labor contribuíu á creación de 35 empresas. Por sectores, predominan os servizos (35%) seguido da hostalaría (17%) e das actividades profesionais, científicas e técnicas (9%). Das persoas atendidas, o 51% son mulleres e o 49% homes e con elas lévanse realizado máis de 860 titorías. Ademais, este polo leva realizado máis de 70 actividades entre reunións con entidades, accións de formación e eventos da rede.

 

Loading...