A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá xunto á directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, a Cooperativa de Lago-Valdoviño, beneficiaria da última convocatoria destas achegas
O proxecto, cun orzamento de 2,7 M de euros, está destinada a sociedades cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego, cunha achega máxima de ata 30.000 euros por beneficiario
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá xunto á directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, e o alcalde de Valdoviño, Alberto González, a Cooperativa de Lago-Valdoviño, beneficiaria o ano pasado das axudas do Bono Consolida Economía Social. A delegada recordou que a nova convocatoria deste programa está aberta ata o 10 de abril ou ata esgotamento de crédito.
Durante a visita, guiada por Concepción Martínez, xerente xeral da cooperativa, Aneiros e Mariño puideron comprobar as melloras realizadas no supermercado da entidade grazas á achega de preto de 20.000 euros do Bono Consolida. As actuacións centráronse na renovación do equipamento de frío comercial, substituíndo equipos antigos por outros de alta eficiencia enerxética e baixo impacto ambiental, que neste caso foron catro conxeladores expositores e un fabricador de xeo. Con este cambio, conseguiron, entre outros resultados, diminuír as incidencias relacionadas con flutuacións de temperatura ou avarías e reducir o consumo eléctrico mensual, cun aforro de entre un 30% e un 40%. A delegada destacou que “esta é unha mellora non só para a cooperativa e o seus consumidores, senón para todos”, facendo alusión aos impactos positivos destes cambios para o medio ambiente.
Aneiros recordou que este programa non está só dirixido a sociedades cooperativas, apuntando que tamén poden beneficiarse da convocatoria sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego, cunha achega máxima de ata 30.000 euros por beneficiario.
A convocatoria, que o ano pasado deixou máis de 42.000 euros de axudas na comarca de Ferrolterra, busca apoiar a consolidación das entidades da economía social, con especial incidencia na transformación dixital e na mellora da eficiencia enerxética. Este ano conta cun orzamento de 2,7 M de euros para a subvención de equipamento informático, elementos de transporte, mellora na eficiencia enerxética, márketing, comunicación ou relanzamento comercial, reforma do centro de traballo e formación para socios RETA, entre outros gastos executados entre o 1 de novembro de 2025 e o 30 de outubro de 2026.
