O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, reuniuse recentemente co alcalde de Vilarmaior, Carlos Vázquez, para afondar na colaboración con este municipio en materia de emprego en labores de interese social. Neste eido, a Xunta impulsa iniciativas como Galicia Suma Talento: Rural Activo, cunha convocatoria de axudas dotada este ano con 20 M€ e que inclúe novidades apoios para a contratación de persoas coordinadoras municipais de prevención de incendios. Con ela prevese apoiar unhas 300 entidades locais na contratación de máis de 1.000 persoas desempregadas durante nove meses a xornada completa para realizar tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios —planificación preventiva, valorización forestal, silvicultura, limpeza de montes ou xestión da biomasa—.

Outra ferramenta que impulsa o Goberno galego en colaboración cos municipios son os obradoiros duais de emprego, enfocados a mellorar a empregabilidade das persoas participantes ao tempo que se contribúe a cubrir necesidades reais de man de obra en sectores estratéxicos, especialmente no ámbito rural. Neste campo, a Xunta reforzou e reformulou a convocatoria de apoios deste ano —dotada con 48,1 M€— co fin de incrementar a eficacia desta ferramenta que inclúe novidades relevantes. Entre elas a reserva de 20 M€ a obradoiros vinculados aos ámbitos agrario e de seguridade e medio ambiente. Ademais, refórzanse os incentivos á contratación para empresas e incorpórase un incentivo específico para os concellos promotores por cada contratación efectuada

Loading...