O delegado territorial da Xunta destacou o traballo levado a cabo desde a Xunta no que se refire ao desenvolvemento da planificación das respostas ante situacións de emerxencias, o fomento da autoprotección e a dotación de medios de intervención aos servizos de emerxencias; así como o labor do ISSGA

Manuel Pardo puxo en valor a importancia das políticas de prevención e planificación para mitigar o impacto das situacións de emerxencia, aspectos tamén fundamentais no ámbito da saúde laboral

O Instituto de Saúde e Seguridade Laboral de Galicia, ISSGA, volve apostar por Previsel como plataforma de promoción da cultura preventiva e como o marco elixido para impartir formación especializada dirixida a profesións concretas

Tamén participará en Previsel, como xa á habitual, o Posto de Mando Avanzado da Axencia Galega de Emerxencias – AXEGA

Participarán ademais centros educativos vencellados coa Formación Profesional como o Centro Galego de Innovación da FP Eduardo Barreiros e o CIFP A Carballeira que acoden a esta cita con simuladores de realidade virtual que ofrecen unha experiencia inmersiva 360º e en 3D en emerxencias sanitarias

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, destacou hoxe, na presentación en Ourense do 19º Salón de Prevención e Seguridade Laboral de Galicia (Previsel), o traballo levado a cabo desde a Xunta no que se refire ao desenvolvemento da planificación das respostas ante situacións de emerxencias, o fomento da autoprotección e a dotación de medios de intervención aos servizos de emerxencias; así como o labor do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) en materia de prevención de riscos laborais, que participa como membro do Comité Asesor, aportando iniciativas e relatores en distintas actividades e como expositor.

O delegado territorial sinalou que Previsel consolídase como referente para o intercambio de experiencias en materia de xestión e prevención de riscos laborais coa participación de recoñecidos expertos neste ámbito para incidir na importancia de prevención de riscos. Manuel Pardo puxo en valor a importancia das políticas de prevención e planificación para mitigar o impacto das situacións de emerxencia, aspectos tamén fundamentais no ámbito da saúde laboral; e subliñou que a prevención, un dos fins prioritarios da protección civil, é o medio para garantir a seguridade da cidadanía e responder de modo axeitado e eficaz en caso de riscos colectivos.

Prevención e Planificación

Manuel Pardo afirmou que a prevención é unha responsabilidade de todos, e este tipo de actividades axudan a afondar nos coñecementos dos deberes, así como dos modelos organizativos e dos medios preventivos precisos para pór en práctica a prevención integrada no sistema xeral de xestión da empresa; por iso -explicou- “estas xornadas constitúen un referente para o intercambio de experiencias e coñecementos en materia de prevención e formación. Ademais da presentación de produtos e servizos nas casetas, os talleres, conferencias e demostracións, proporcionan unha visión global da xestión e prevención dos riscos laborais”.

No que se refire á planificación, Manuel Pardo indicou como ferramentas clave de prevención os plans de autoprotección ou os plans de emerxencia exterior e industriais para facer fronte a riscos especiais como incendios forestais ou inundacións nos que a Xunta está a traballar. Nesta liña, o Goberno galego levou a cabo un importante traballo de revisión dos plans de protección civil autonómicos poñéndoos a proba con simulacros periódicos; por iso -sinalou o delegado territorial- “as políticas públicas que se aplican resultan fundamentais para reducir a vulnerabilidade ante catástrofes naturais, industriais ou tecnolóxicas. De aí que desde a Xunta se estea a facer fincapé en desenvolver sistemas de alerta e plans de respostas, así como na dotación de medios e no fomento da formación e a autoprotección”.

O Instituto de Saúde e Seguridade Laboral de Galicia

O Instituto de Saúde e Seguridade Laboral de Galicia, ISSGA, volve apostar por Previsel como plataforma de promoción da cultura preventiva e como o marco elixido para impartir formación especializada dirixida a profesións concretas. Na primeira xornada do salón, mércores 11 de marzo, impartirán un seminario sobre a “Prevención de riscos ergonómicos e psicosociais na atención a persoas dependentes”. Ao día seguinte, o ISSGA impartirá outra xornada centrada no traballo seguro con nanomateriais e recompilada no portal web do ISSGA.

Participarán ademais centros educativos vencellados coa Formación Profesional como o Centro Galego de Innovación da FP Eduardo Barreiros e o CIFP A Carballeira que acoden a esta cita con simuladores de realidade virtual que ofrecen unha experiencia inmersiva 360º e en 3D en emerxencias sanitarias.

Convencións e obradoiros

Previsel 2026 presenta un completo programa de actividades que inclúen tanto formación especializada dirixida a sectores produtivos concretos como charlas e obradoiros de divulgación xeral en materia de prevención, saúde, seguridade laboral ou primeiros auxilios. A análise do Novo Regulamento de Seguridade Contra Incendios; a preparación da mochila de supervivencia; a prevención de neglixencias en incendios forestais; as oportunidades laborais no sector da construción ou a xestión da seguridade en catástrofes ou fenómenos meteorolóxicos adversos serán algúns dos temas abordados nestas xornadas. O programa conta coa participación de 50 relatores.

O programa de conferencias complétase coa mesa redonda na que participan varios membros da UIFO (Unidade de Investigación de Incendios Forestais) na que se falará investigación realizada nos incendios forestais en Galicia presentado casos reais. Está organizada pola Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia. As empresas participantes tamén impartirán formación especializada como é o caso de Previsonor que falará dos riscos do gas Radón tanto no traballo como no fogar.

Como é xa habitual dende o ano 2015, a Asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galicia, TESGALICIA, organizarán unha vintena de actividades dirixidas a persoal sanitario (que asistirá procedente de varios puntos de España e de Portugal) e outras á sociedade en xeral e que apostan pola formación continua dos profesionais. Entre as actividades destinadas ao público xeral, TESGALICIA colabora na organización da visita do Helicóptero medicalizado H4 (mércores 11 ás 13.00 h.) ou os obradoiro de RCP.

Entre as actividades permanentes destaca o posto de asesoramento do Gabinete de Prevención de Riscos Laborais da Confederación Empresarial de Ourense – CEO; as cadeas de supervivencia da Cruz Vermella Ourense; as medicións antropométricas realizadas pola Xefatura Territorial en Ourense da Consellería de Sanidade; a medición de glucosa por parte da Asociación Diabética Auria ou a información sobre as carpas de aire presurizado como recurso preventivo e de intervención que correrá a cargo de Protección Civil do Concello de Barbadás.

Tamén participará en Previsel, como xa á habitual a Axencia Galega de Emerxencias – AXEGA. As actividades compleméntanse con distintas exposicións de equipamentos e vehículos vencellados coa prevención e as emerxencias achegadas por entidades como a Deputación de Ourense, Protección Civil de Ourense, Protección Civil de Barbadás, Ambulancias da Cruz Vermella, SAMUR, SUMMA 112, a BRILAT, Policía Nacional e 061 Galicia.

Loading...