José González resaltou que será unha ferramenta clave para impulsar o plan de atracción de talento exterior do Goberno galego e tamén para poder exercitar con plenitude as políticas activas de emprego en relación ás persoas migrantes en Galicia

Subliñou que hoxe Galicia é unha terra de acollida: desde 2018 a 2024 regresaron preto de 50.000 galegos do exterior e a Comunidade gañou máis de 140.000 habitantes grazas ao saldo migratorio positivo

En liña coas conclusións do informe CES, destacou a necesidade de reforzar a coordinación institucional, garantir que as administracións conten cos medios para abordar esta realidade e abordar as políticas migratorias en conexión coas empresas

Fronte ás que definiu como medidas estatais carentes de planificación e de Diálogo Social neste ámbito, defendeu o modelo galego de captación de talento, ordenado, con plenas garantías xurídicas e aliñado co tecido produtivo

Insistiu tamén na importancia de avanzar nunha vía específica e áxil de homologación de títulos universitarios dirixida ao beneficiarios das bolsas BEME, coordinada entre Xunta, universidades e Ministerio

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, defendeu hoxe o modelo de atracción de talento impulsado pola Xunta, baseado nunha inmigración ordenada, planificada e vinculada ás necesidades reais do tecido produtivo, e para o que será clave o traspaso das competencias para a xestión das autorizacións iniciais de traballo solicitado ao Goberno central. Fíxoo no marco do acto de presentación do informe La realidad migratoria en España: prioridades para las políticas públicas, elaborado polo Consello Económico e Social (CES) de España e presentado esta mañá na sede do Consello Económico e Social de Galicia.

Durante a súa intervención, o conselleiro salientou a importancia da poboación inmigrante no fortalecemento do mercado laboral e para facer fronte a cuestións como o reto demográfico. Neste sentido, destacou —en liña coas conclusións do propio informe— a necesidade de reforzar a coordinación institucional, garantir que as administracións conten cos medios suficientes para xestionar esta realidade con eficacia e abordar as políticas migratorias sempre en conexión co tecido produtivo, favorecendo a plena integración socio laboral das persoas traballadoras.

Neste contexto —fronte á que definiu como unha política migratoria estatal errática e carente de planificación, con accións como o anuncio da regularización masiva de persoas inmigrantes— o conselleiro defendeu a conveniencia de abordar esta realidade con responsabilidade e políticas públicas rigorosas, sustentadas no Diálogo Social e no consenso político e institucional, aspectos que non se tiveron en conta, subliñou, neste ámbito. Así, salientou o modelo galego de inmigración ordenada, con plenas garantías xurídicas, aliñado coas necesidades do tecido produtivo e centrado na integración laboral efectiva. Este modelo estrutúrase en dous grandes eixes: un primeiro centrado no retorno das persoas galegas do exterior e un segundo orientado á captación de talento procedente de terceiros países. Nesta liña, urxiu de novo ao Goberno central a acelerar canto antes o proceso de traspaso das competencias das autorizacións iniciais de traballo, unha ferramenta clave para impulsar este plan e tamén para poder exercitar con plenitude as políticas activas de emprego en relación ás persoas migrantes en Galicia.

Estratexia Galicia Retorna

No relativo ao primeiro eixo, destacou a eficacia da Estratexia Galicia Retorna, con actuacións clave como o programa Retorna Cualifica Emprego, que permite casar os perfís profesionais das persoas que desexan regresar con ofertas laborais das empresas galegas, garantindo contratos indefinidos desde o inicio. Na súa última edición, esta iniciativa posibilitou o retorno de 200 persoas e contará cunha nova achega en 2026 de 1,8 M€.

Ademais, o conselleiro lembrou que o pasado ano a Xunta deu un paso máis co desenvolvemento de accións nos países de orixe, como as feiras de emprego celebradas na Arxentina e no Uruguai, nas que participaron máis de 3.500 persoas e unha vintena de empresas galegas de sectores estratéxicos. Esta iniciativa terá continuidade este ano, indicou, cunha nova edición no Brasil. Neste contexto, José González subliñou que o éxito da Estratexia Galicia Retorna reflíctese tamén nos datos: desde 2018 ata 2024 regresaron a Galicia case 50.000 persoas galegas retornadas, mentres que a comunidade incrementou máis de 140.000 habitantes grazas ao saldo migratorio positivo, consolidándose como territorio de retorno e tamén de acollida.

Homologación de títulos

En relación con outras demandas realizadas ao Goberno, González destacou a importancia de evitar que os trámites freen a integración laboral do talento migrante. Neste sentido, explicou que a Xunta mantivo recentemente unha reunión co secretario xeral de Universidades do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e cos reitores das universidades públicas galegas para continuar avanzando nunha vía específica de homologación de títulos universitarios dirixida á mocidade galega retornada beneficiaria das bolsas BEME. O obxectivo é establecer un procedemento áxil e coordinado entre Xunta, universidades e Ministerio que facilite o acceso destas persoas a postos de traballo acordes coa súa formación e que, ademais, poida acabar beneficiando calquera persoa estranxeira con residencia legal que precise homologación formativa para exercer.

 

Loading...